DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A V Xornada Universitaria Galega de Xénero celebrarase a vindeira semana en Vigo

Un pulo á transversalidade de xénero como criterio de excelencia e como medio de transformación social

100 representantes das universidades galegas participarán na sesión na que intervirá R. Lucas Plater

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/06/2017

Co obxectivo de debater o papel das universidades no reto de enfrontar as identidades non normativas e o tratamento delas dentro da propia comunidade universitaria, un cento de persoas, na súa maior parte, persoal docente e investigador das tres universidades galegas, participarán o vindeiro 7 de xullo na V Xornada Universitaria Galega en Xénero. Na sede de AFundación de Vigo, as e os participantes na xornada, entre os que tamén se atopan persoas vinculadas á intervención social e ao activismo feminista, achegaranse a prácticas docentes innovadoras con perspectiva de xénero, abordarán a cuestión da comunicación inclusiva dentro da aula e coñecerán propostas que tratan as perspectivas feministas, así como investigacións relacionadas coa diversidade sexual no ámbito educativo.

“Impulsar a transversalidade de xénero como criterio de excelencia e como medio de transformación social, pero tamén incrementar experiencias e crear unha rede de persoal que ensina e investiga con perspectiva de xénero para reforzar estratexias e impulsar boas prácticas, son os principais obxectivos desta xornada”, explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo en relación con esta xornada académica, que hai dous anos se celebrou no campus de Pontevedra. Desta volta, na sesión que terá lugar en Vigo se presentarán máis dunha vintena de pósters, o investigador do Instituto de Filosofía do CSIC e director de estudos trans* na editorial Bellaterra, R. Lucas Platero ofrecerá conferencia inaugural e celebraranse dúas sesións orais. “Queremos transmitir a idea de que as universidades, como centro de coñecemento e influencia, deben liderar a transformación social necesaria para aceptar en condicións de igualdade, calquera identidade sexual ou de xénero”, sinala G. Penín, que lembra que a xornada se desenvolverá baixo o lema Transformando dende a universidade.

Un referente do activismo trans*

Feminismos e movementos trans na encrucillada é o título da conferencia inaugural que pronunciará R. Lucas Platero, que será presentado pola catedrática de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Coral del Río. “O seu labor como investigador en temas trans* e o seu activismo para situalos no foco do debate social para visibilizalos e contribuír a aceptar todas as realidades”, son os dous elementos que a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo destaca do traballo desenvolvido polo investigador R. Lucas Platero, autor de obras como Por un chato de vino. Historias de travestismo y masculinidad femenina; Trans*exualidades. Acompañamientos, factores de salud y recursos educativos e Intersecciones. Cuerpos y sexualidades en la encrucijada.

Xunto á vintena de pósters que se presentarán na xornada, nas sesións orais da mañá e da tarde abordaranse cuestións como as resistencias á inclusión da perspectiva de xénero nos estudos de Ciencia Política; os novos modelos para unha educación científica inclusiva a través da televisión e os medios dixitais; as noticias de deporte feminino ou a infancia e a cultura popular.

Materias pendentes no sistema universitario galego no ámbito de xénero

A piques de celebrar a súa quinta edición, Anabel G. Penín, considera que reunións científicas como a Xornada Universitaria Galega en Xénero “son imprescindibles para seguir avanzando na igualdade e que as universidades lideren o avance. Para as oficinas/unidades de Igualdade supón un esforzo grande de coordinación manter a edición anualmente, pero consideramos que é imprescindible consolidar foros coma estes, cando cada ano se destinan menos fondos á investigación en cuestións de feminismo e xénero e o persoal investigador ten cada vez menos oportunidades de publicar”.

Que a perspectiva de xénero empape toda a actividade universitaria e chegue ás estruturas tradicionais da organización para conseguir que sexa demandada pola comunidade universitaria, é para a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo a materia pendente do sistema universitario galego no ámbito de xénero. “A perspectiva de xénero é fundamental para mellorar a excelencia universitaria e non se vexa como unha obriga, senón como unha oportunidade para mellorar e unha necesidade para acadar sociedades máis xustas e democráticas”, explica Anabel G. Penín.