DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves e venres celébrase o VII Workshop on Economic Theory

Punto de encontro do presente e o futuro da teoría económica

Expertos Internacionais e estudantes porán en común os seus traballos académicos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/09/2013

Presentar as súas teses de doutoramento ante algúns dos referentes mundiais en teoría económica. Este é o reto que os vindeiros 12 e 13 de setembro enfrontará un grupo de estudantes de universidades europeas, entre elas a de Vigo, no marco do VII Workshop on Economic Theory que se celebrará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organizado polo Research Group in Economic Analysis (RGEA). “O obxectivo deste encontro”, explica o catedrático do departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo e membro do comité científico do workshop, Carlos Hervés, “ é que os nosos estudantes poidan presentar os seus traballos ante unha audiencia moi ben informada. Hai que ter en conta que varios dos invitados son editores de revistas importantes e referentes mundiais como Frank Page da University of Illinois, Andrés Carvajal da Western Ontario University, Mario Pascoa da Universidade Nova de Lisboa, Nicholas Yannelis da University of Iowa and Manchester o Paulo K. Monteiro da Fundaçao Getulio Vargas de Rio de Janeiro”.

Aínda que os organizadores poñen o acento na oportunidade que este encontro supón para os novos doutores, non obvian a relevancia dun foro no que a través dunha ducia de presentacións se abordará “un amplo abano de temas de teoría económica como os cartos, a economía matemática ou da información que nos permitirá ver o último que se está a facer neste ámbito”, sinala Hervés.

Balance, orixes e retos

Tras seis anos celebrándose, este encontro que naceu, segundo revela Carlos Hervés, inspirándose no Workshop on Dynamic Macroeconomics, que dirixe o profesor da Universidade de Minnesota e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Timothy Kehoe, e o docente da Universidade de Vigo Jaime Alonso, “vai perseguindo o seu obxectivo”, aquel que impulsou aos seus organizadores a ofrecer en Vigo unha formación que ata entón só se ofrecía fóra. “Antes os profesores pensabamos que para formar estudantes tiñamos que envialos fóra, sen embargo decatámonos de que na Universidade de Vigo somos máis de 50 docentes con sexenios e recoñecemento e que aquí o podiamos facer porque tamén dispoñemos de destacados contactos internacionais”, explica o catedrático do departamento de Matemáticas e organizador do workshop.

Coa vista posta na evolución do programa de doutoramento interuniversitario en Economía, Hervés agarda un progresivo incremento no número de teses presentadas en Galicia, “París presenta seis ao ano e nós imos unha a unha”, sinala. Un maior volume de traballos académicos que a súa vez permitiría aumentar o número de exposicións de estudantes no workshop que na súa sétima edición alcanzan as catro, unha dun estudante de Vigo e as restantes de alumnos de institucións académicas estranxeiras.