DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As empresas participantes nesta edición destacaron o alto nivel de cualificación dos aspirantes

Punto e seguido para o Foro Tecnolóxico de Emprego con máis de 700 currículos recollidos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Anabel Vila DUVI 24/03/2011
O Foro Tecnolóxico de Emprego pechou este xoves unha edición que tanto empresas como organizadores consideran todo un éxito. As previsións de 600 currículos expresadas polo vicerreitor José Antonio Vilán na inauguración cumpríronse con creces. O estudantado dos últimos cursos das enxeñarías respondeu á oferta e recolléronse cerca de 400 currículos, que sumados aos que están colgados na páxina web do foro fai que esta cifra supere os 700.

Ademais os expositores mostrábanse satisfeitos pola calidade dos mesmos. Eva Loureiro, responsable de Recursos Humanos de Optare, recoñecía que “a xente que se achegou ata nós está moi preparada”. De feito asegurou que “xa pechamos moitas entrevistas, para contratos en práctica, pero tamén de xente con experiencia”. O certo é que nesta edición tamén se achegaron ata o vestíbulo da ETSE de Minas antigos alumnos, incluso algúns que xa teñen no seu haber experiencia profesional e que aproveitaron esta oportunidade para mellorar a súa situación laboral.

A sensación de que todo saíu ben tamén a demostraban as empresas que acudían ao foro por primeira vez e que, coma no caso de Imaxdi, confían en “repetir o próximo ano”. O seu obxectivo é “facer I+D en Galicia”, por iso Santiago Pan, un dos seus responsables, salientaba a preparación dos candidatos.

Mentres, Alicia Pérez, a coordinadora desta edición, mostrábase moi satisfeita minutos antes da clausura desta edición. “Os currículos adáptanse aos perfís buscados”, sinalaba Pérez, para quen o máis importante é que “as empresas están encantadas co trato recibido”, o que lles permite confiar en que volvan os próximos anos.

Catro intensos días

Ao acto de clausura celebrado no vestíbulo da ETSE de Minas, acudiron o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez, e os directores das escolas Telecomunicación, Edita de Lorenzo, e de Enxeñería Industrial, Luis González. “Este ano foi todo un éxito, porque é importante que os nosos titulados teñan traballo e tamén para que vexan aos nosos mellores estudantes”, recoñeceu o concelleiro que aproveitou a súa intervención para agradecer a participación das empresas.

Pola súa banda, Edita de Lorenzo asegurou que “isto é como as fallas, en tres días remata todo, pero ten detrás un longo traballo”. A directora da EE de Telecomunicación mostrouse convencida de que “vai seguir habendo foros porque moitos estudantes están a traballar nisto. De feito, estou segura de que xa están pensando na organización da próxima edición”.