DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Agustín Fernández asinaron este mércores un convenio de colaboración

O PXOM modificarase para cubrir as necesidades urbanísticas do campus de Ourense

O obxectivo é dar seguridade xurídica á realidade do campus e a futuras actuacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/11/2013
Este mércores comezou na cidade de Ourense a exposición pública do que será o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Pero mentres este documento segue a súa tramitación e non está operativo, é necesario buscar fórmulas que dean a seguridade xurídica necesarias aos equipamentos presentes e futuros. Con este obxectivo, a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense asinaron, tamén este mércores, un convenio de colaboración para a revisión do PXOM actual, que é o de 1986, e dar así resposta e cobertura á realidade urbanística do campus e ás súas necesidades de futuro.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Agustín Fernández, alcalde da cidade, foron os encargados de asinar o convenio nun acto que contou tamén coa asistencia de Xosé Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Aurea Soto, concelleira de Urbanismo. “Por fin, despois de tempo atascados por causas alleas á Universidade e ao Concello e despois de meses de traballo, chegamos á sinatura deste convenio. Este convenio permitiranos acometer actuacións con toda a seguridade que as institucións precisamos e daranos as ferramentas necesarias para axilizar de xeito notable e claro as tramitacións que precisemos para o futuro desenvolvemento do campus, tendo en conta especialmente a súa especialización a través do proxecto do Campus da Auga”, destacou Salustiano Mato durante a sinatura do convenio.

Tamén amosou a súa satisfacción por este acordo o alcalde de Ourense, que fixo fincapé en que “este Concello sempre se volcou coa Universidade”, tanto por ser unha parte física importante da cidade como por ser alicerce do sistema educativo. Do mesmo xeito, a concelleira de Urbanismo quixo salientar que as modificacións recollidas neste convenio están harminizadas co papel do campus no novo PXOM que se abreu este mércores a exposición pública. “A importancia que ten a Universidade na trama urbana de Ourense é enorme, é unha peza fundamental”, indicou Aurea Soto, que subliñou que o Concello defenderá sempre o interese público á hora de planificar o urbanismo da cidade e da súa zona universitaria.

Actuacións

Segundo o establecido no convenio, o Concello de Ourense formulará, no prazo máis breve posible e non máis alá dun mes dende esta sinatura, unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente co obxectivo de axustar á realidade existente as condicións urbanísticas que deveñen do plan xeral de 1986 e da súa posterior modificación en 1997. Será mediante a modificación puntual da ordenación no que se refire á necesidade de cualificar como zona verde o Parque Medioambiental, co obxecto de permitir a súa segregación e proceder á súa cesión ao Concello; á cualificación como dotacional da parcela que actualmente ocupan as pistas de tenis, acomodándoa ao proxecto de mellora das instalacións; ao establecemento da reserva de aparcamento necesaria para os efectos de estándares en relación ao edificio da Biblioteca Central; e ao axuste dos límites da parcela da piscina de cara á súa ampliación.

A modificación do PXOM tamén terá como obxecto formular unha proposta de ordenación que contemple as futuras necesidades do campus e que permita a súa ordenación ao pormenor mediante un instrumento de desenvolvemento do Plan Xeral Modificado, un plan especial no ámbito das actuais implantacións universitarias nas Lagoas/Loña que estableza no seu nivel de detalle as referidas determinacións e que garanta á Universidade de Vigo a posibilidade de perfeccionamento, alteración e modificación das súas determinacións sen ter que acudir a sucesivas modificacións do planeamento xeral.

Ademais, o convenio contempla que a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal en curso incorporará esta modificación enriquecida, de ser o caso, con proposicións complementarias dirixidas á consolidación e potenciación do campus existente e á súa mellor integración urbana e ambiental. Na revisión do PXOM, indica o convenio, tamén deberán preverse novas reservas susceptibles de acoller usos universitarios, de investigación, de servizos e outros complementarios noutras áreas, que difundan a presenza universitaria e que xeren novas sinerxías na cidade. Por último, o documento asinado establece os pasos e os prazos do proceso desta renovación do plan xeral vixente e o establecemento dun órgano de seguimento conxunto.