DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense arrancou este venres

Que se aparte a tristura que a Miteu xa está aquí

A aula do campus Rosaura inaugurou a cita coa peza 'Entre lusco e fusco'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/04/2013

A 18ª Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, xa está aquí. Arrancou este venres o seu periplo polos escenarios ourensáns chea de ilusión e cor e co obxectivo de iluminar esta primavera gris, gris no climático e no socioeconómico. A Aula Universitaria de Teatro do campus de Ourense Rosaura foi a encargada de inaugurar as representacións co seu espectáculo Entre lusco e fusco, que tivo lugar nas rúas do centro da cidade. “Vamos a desterrar a choiva, o escuro e as preocupacións, que chega o sol, as cores e a ilusión”, destacou Sabela Gago, responsable da aula, antes da actuación.

A obra de Rosaura contou coa participación de arredor de 40 actores, entre os que estaban os que forman parte do conxunto pero tamén os das outras aulas de teatro universitarias ourensás e anteriores alumnos e alumnas delas, que se quixeron unir a esta cita. Empezaron a obra no Parque de San Lázaro, vestidos de gris e cada un portando cunha pértega algunha das cargas que soportan os cidadáns e a sociedade, como a violencia, a contaminación ou o desemprego. Pouco a pouco e no seu percorrido pola Rúa do Paseo e ata chegar ao Xardíns do Padre Feijóo, os actores foron despoxándose desas pesadumes e a cor, a maxia e a ledicia foron ocupando o seu sitio como unha mensaxe de esperanza e de ánimo nun momento especialmente duro.

O campus, un dos protagonistas

Con esta actuación comezou unha Mostra Internacional de Teatro Universitario que do 12 ao 27 de abril celebrará a súa 18 edición. A pesar dos recortes económicos, a cita encherá os escenarios con 34 espectáculos, no que o teatro será o gran protagonista pero no que tamén haberá tempo para a música, a maxia, a danza, a formación e moito máis. Coma cada ano, o campus de Ourense terá un papel destacado nesta Miteu. Por unha banda, as súas catro aulas de teatro e a de danza actuarán durante os días de celebración. Por outro lado, varias salas universitarias acollerán espectáculos desta mostra.

Deste xeito, a Aula Universitaria de Teatro do campus de Ourense Cordelia representará, o sábado día 13, ás 23.00 h, no Teatro Principal a obra Vidal Bolaño 2013 e a Aula Maricastaña pechará a mostra o sábado 27 con Suicidio colectivo con encanto, tamén no Teatro Principal. Ademais, a Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto representará no Auditorio Municipal Pés de cristal e a Aula Universitaria de Vigo ofrecerá ao público a súa obra Propietarios. Polo que respecta ás actuacións no campus, a Sala Emilia Pardo Bazán acollerá o mércores 17 a actuación da compañía Pinchacarneiro Teatro da USC, que presentará Proxecto 45, e o día 25 a proxección do documental Positive generation, de Médicos sen Fronteiras. Nesta mesma sala, tamén se celebrará un obradoiro de investigación teatral. Por último, a capela do campus será o escenario da actuación da Aula Universitaria de Burgos, que representará UTA. Unidade de trastornos alimentarios.