DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Villoslada analizou na súa tese de doutoramento a representación da atmosfera ao longo da hist

O que a arte atopou no aire

Coa disolución das formas na pintura, os autores buscaban reflectir a inmaterialidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 26/09/2014

O descoñecido, o indeterminado, o ilimitado, aquilo que se atopa oculto e que escapa da percepción humana. Estes son os atributos que a investigadora Marta Villoslada atribúe á atmosfera, á “representación do aire” na arte, que vincula cos “intereses e estados emocionais do artista” e coa “evocación de experiencias perceptivas no espectador”. Segundo conclúe Villoslada na súa tese de doutoramento en Belas Artes, a través do atmosférico tentouse ao longo da historia plasmar “a inmaterialidade, a imposibilidade de coñecemento, de comprender o espazo e o tempo fóra da estrutura racional coa que se nos acostumou a percibir a nosa realidade”.

Baixo a dirección do profesor Ignacio Barcia, esta integrante do grupo de investigación Modo (Modos de Coñecemento Artístico) formula na súa tese A atmosfera, do pictórico á arte multidisciplinar unha análise de como os artistas representaron ao longo dos séculos esa idea do “atmosférico”, coa que Villoslada fai referencia á “representación do aire que envolve ou provoca un ambiente determinado nunha obra”. Nun estudo que nace dos seus propios intereses como artista, que a levaron a traballar na representación do aire na pintura, na fotografía ou en soportes como o vídeo, Villoslada indaga no “proceso de desmaterialización, de disolución do sólido” que implica a representación do aire. “É como un velo, que non deixa ver nítido aquilo que está oculto e non coñecemos”, apunta.

Unha obra que se completa coa experiencia do espectador

“O home sempre intentou dar explicación ao que non pode entender desde diferentes concepcións, non só a través da arte”, apunta esta investigadora, que observa na representación da atmosfera un intento de plasmar “un espazo emocional e polifocal”, que vincula coa idea de “transcendencia” e no que ten especial valor a “experiencia que cada espectador ten a nivel perceptivo”. Nese senso, Villoslada afonda na súa tese en como a “inmaterialidade do ambiente involucra ao espectador” e o sitúa “no límite entre as súas percepcións e sensacións”, o que motiva que “a obra se conclúa coa experiencia que cada espectador ten a nivel perceptivo”. Nese senso, Villoslada pon como exemplo determinadas instalacións de artistas contemporáneos, coas que “o espectador síntese desorientado e ata chega a dubidar da súa propia percepción”.

Un concepto que parte do pictórico

Explica esta investigadora que a idea do atmosférico na arte ten a súa raíz na representación pictórica do aire, “que vén determinada pola disolución dos lindes da forma”. A través do análise dun bo número de obras, de tratados de pintura, historia da arte ou estética e de escritos de artistas, Villoslada traza na súa tese unha “revisión historiográfica non lineal”, que sitúa a primeira aproximación á representación plástica da atmosfera nos “fondos dourados da pintura bizantina”. Esa disolución dos lindes, ese “interese polo borroso, o indeterminado, o etéreo”, estará tamén presente na arte gótica, barroca ou, de maneira significativa, na pintura romántica, períodos que Villoslada analiza co obxectivo de “tratar de establecer relacións entre obras e artísticas de diferentes épocas, fóra dun esquema puramente cronolóxico, coa idea de chegar a entender o que acontece na arte actual”.

Non en van, fóra da formulación plástica á que tradicionalmente estivo vinculado, este interese pola disolución dos límites da forma continúa presente hoxe en día en creacións multidisciplinares, “adaptándose a novos materiais e rexistros”, sinala Villoslada. Destaca esta investigadora a existencia na actualidade dunha “corrente de desmaterialización, propia da evolución da sociedade contemporánea”, que leva aos artistas a traballar con “materiais ilimitados, buscando a esencia e a orixe das cousas”. Así, Villoslada observa en "instalacións de luz ou néboa" ese interese polo atmosférico, por “buscar a esencia ou a orixe das cousas”. Neste senso, Villoslada conlúe da súa análise da arte actual a existencia dun cambio de perspectiva, motivado en boa medida polos avances tecnolóxicos. “Isto angustia ao home contemporáneo e por iso, coa evocación da atmosfera, falamos da necesidade de parar, de buscar de novo a distancia”, apunta. Neste caso, esta búsqueda lévase a cabo a través deses novos medios que existen para abordar a idea do atmosférico, mais, en esencia, o que se busca na actualidade non difire demasiado dos fondos dourados do período bizantino. “Trátase de novo de deixar entrever, de manter velado ou oculto, quizais para atopar de novo respostas ou sentido a aquilo que non coñecemos, ao terror que produce o descoñecemento”, conclúe esta investigadora.