DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Movilla vén de analizar as últimas novidades lexislativas e xurisprudenciais neste eido

O que o dereito ten que dicir sobre recursos hídricos, ordenación do territorio e sustentabilidade ambiental

Os resultados serán presentados no XVI World Water Congress que se celebrará en México

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 01/03/2017

Na actualidade, explica Laura Movilla, investigadora posdoutoral do grupo Cooperación Xurídica Internacional da Universidade de Vigo, existe “unha constante demanda estatal e internacional de información no relacionado cos recursos hídricos, a ordenación do territorio e a sustentabilidade ambiental”. Atendendo a esta demanda e no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, a investigadora da Facultade de Dereito vén de desenvolver un proxecto de análise e divulgación das últimas novidades neste eido.

O proxecto, titulado Recursos hídricos, ordenación do territorio e sustentabilidade ambiental: novidades lexislativas e xurisprudenciais, estivo financiado pola convocatoria da Vicerreitoría do Campus de Ourense Inou 2016, de axudas a grupos de investigación. A finalidade da iniciativa foi investigar e difundir a nivel estatal e internacional o estado das últimas novidades lexislativas e xurisprudenciais no ámbito da interrelación entre o réxime xurídico da auga, da ordenación do territorio e do desenvolvemento sustentable, participando tamén no proxecto os investigadores e docentes da mesma facultade Roberto O. Bustillo e Mª Belén Sánchez.

Constante renovación das leis e regulamentos aplicables

“A permanente evolución tecnolóxica, o lento pero progresivo efecto do cambio climático e as cambiantes circunstancias socioeconómicas das que deriva a demanda de recursos hídricos polos diferentes sectores determinan, por parte das cámaras lexislativas e dos gobernos, unha constante labor de renovación das leis e regulamentos aplicables e, polos órganos xudiciais, un necesario coñecemento da realidade social do tempo no que teñen que aplicar esas normas”, comenta a investigadora. É por este motivo, apunta Movilla, que a interrelación entre os bloques normativos que regulan a auga, o medio ambiente e a ordenación do territorio é obxecto de atención constante.

Atendendo a esta situación, o proxecto de investigación que liderou centrouse en tres aspectos “cuxa correcta e combinada consideración é necesaria de cara á correcta articulación do sistema de uso e protección dos recursos hídricos”. Deste xeito, o primeiro aspecto analizado foi “o estado da recente xurisprudencia sobre os informes perceptivos das confederacións hidrográficas en materia de ordenación do territorio de acordo co artigo 25.4 do RD Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas e as reformas operadas polas posteriores leis 13/2003, de 23 de maio; 11/2005, de 22 de xuño (Plan Hidrolóxico Nacional), e RD Lexislativo 2/2008, de 20 de xullo”. A segunda liña de traballo centrouse no “estado e dinámica de aplicación da vixente normativa sobre protección e réxime sancionador en materia de augas” e a terceira “na colaboración das administracións públicas coa administración de xustiza na investigación de actividades presuntamente delituosas relacionadas coa ordenación do territorio en xeral e cos recursos hídricos en particular”.

Do local ao internacional

Sobre a relevancia de acometer este estudo desde Ourense, a investigadora indica como a provincia repártese competencialmente entre dous organismo de bacía: a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Douro, sendo obxecto de estudo deste proxecto o exercicio das competencias e funcións destes organismos públicos estatais. Tamén, engade, “parte dos resultados deste proxecto contribuirán a facilitar o labor de planeamento urbanístico que resulta necesario desenvolver por iniciativa de cada un dos 92 concellos que integran a provincia de Ourense”. Os municipios ourensáns, comenta Laura Movilla, “sofren un moi importante desfase en materia de planeamento municipal, o que non é unha excepción nin no contexto autonómico nin no do estado”. Deste xeito, puntualiza a investigadora, dos 92 municipios existentes “27 carecen de planeamento urbanístico e 31 teñen un planeamento con máis de 20 anos de antigüidade”. Esta situación, salienta, “agravouse recentemente ao entrar en vigor a Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia, pois, entre outros aspectos, establece novas esixencias en materia de sustentabilidade, polo que se fai más necesaria que nunca a adaptación urbanística dos municipios ourensás á legalidade vixente e á realidade social e económica do tempo no que viven”.

A investigación desenvolvida no marco deste proxecto Inou plasmouse en publicacións do equipo de investigación participante e materializouse na organización e celebración da actividade formativa Dereito administrativo, auga e sustentabilidade. Primeiro curso da revista Redas, que tivo lugar os días 6 e 7 de outubro de 2016 na Facultade de Dereito coa participación de 47 recoñecidos expertos. Ademais, os resultados da investigación presentaranse nunha comunicación no XVI World Water Congress, que terá lugar do 29 de maio ó 2 de xuño en México e que constitúe o evento científico de referencia en materia de recursos hídricos que reúne a investigadores e profesionais de todo o planeta.

A experiencia española nesta materia, comenta Laura Movilla, pode ser de interese a outros países, como os Iberoamericanos, xa que “deu lugar a que para aprobar planes urbanísticos sexa necesario que, previamente, organismos especializados informen sobre a existencia de suficientes recursos hídricos para garantir as necesidades derivadas dos desenvolvementos previstos (novas zonas residenciais, industriais, etc.)”. “O coñecemento da experiencia española, da súa evolución lexislativa e xurisprudencial e dos seus problemas, pode resultar de utilidade para outros estados e desta maneira podemos contribuír, en termos de desenvolvemento sustentable, ao equilibrio entre urbanismo e aproveitamento racional dos recursos hídricos”, sinala por último a investigadora da Facultade de Dereito ourensá.