DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Pérez Mercader:

“O que estamos aprendendo empézanos a servir para aplicalo a coñecer o futuro do noso planeta e da vida nel”

Un dos científicos españois de máis renome achegouse a Vigo para impartir un relatorio

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/11/2008

Se o home chegou á lúa en 1969, estender ese pé ata Marte pode prolongarse ata o 2065 ou 2070. Foi a estimación que fixo Juan Pérez Mercader, un dos científicos españois de máis renome das últimas décadas, nun relatorio celebrado ao abeiro da Cátedra Álvarez Ossorio. En pouco máis dunha hora realizou unha entregada e divertida defensa do estudo do Universo e, máis concretamente, do planeta vermello coma un camiño fundamental de entender os males da Terra e poder palialos.
A tarde do venres no Centro Social Caixanova converteuse nun deses días nos que a ciencia se volta a auténtica protagonista. Ante un público entregado ás súas explicacións, Pérez Mercader recoñeceu que “o que estamos aprendendo empézanos a servir para aplicalo a coñecer o futuro do noso planeta e da vida nel”. Ao seu xuízo, se seguimos explorando darémoslle ás novas xeracións excelentes oportunidades de servir á humanidade, “é a mellor alternativa para coñecer como xestionar o noso planeta e ser mellores persoas”. Desde o seu punto de vista, a acción do home, “o seu impacto” é un feito indiscutible de alteración das condicións naturais, razón de máis pola que convén indagar o mecanismo interno, “a reloxería”, do planeta azul.

2009, un novo achegamento a Marte

Un dos aspectos que levantou máis expectación da intervención do científico andaluz foi a reprodución dun vídeo no que se recrea unha misión que, baixo o amparo da NASA, suporá a chegada no 2009 de “rover” a Marte. Baixo o nome de “rover”, Mercader describiu un sofisticado mecanismo, “un especie de pequeno camión de pouco máis dun par de metros” que “se todo vai como esperamos” permitirá conseguir unha enorme cantidade de datos deste planeta que, a día de hoxe, tan só sabemos que é terriblemente seco pero que no seu subsolo podería haber moitas covas con auga líquida.
No “rover” lévanse investido anos de traballo e nel inclúense as máis altas tecnoloxías das que se dispoñen nestes intres e nas que España tamén está a participar, por exemplo, na construción de diferentes compoñentes, “saben vostedes onde se está a fabricar esta antena, si en España, e esta estación meteorolóxica, si tamén aquí...” explica o investigador nun intento de concienciar ao público de que na actualidade a ciencia non só a escribe xente apelidada Murray ou Ngce-Pong Chang, senón tamén Torres ou Fernández.
Ademais da reprodución do vídeo no que se simulou a chegada de “rover” a Marte, Pérez Mercader sorprendeu aos asistentes no peche do seu relatorio coa lectura do poema en prosa Naturaleza de Luis Cernuda. A interpretación, correu a cargo dun vello coñecido dos galegos, alguén a quen el se referiu coma “un amigo”, Amancio Prada.

Un científico de renome

Pérez Mercader estivo acompañado polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e diferentes autoridades da Escola Naval Militar de Marín. Precisamente, o comandante Martínez Ratero foi o encargado de presentalo, se ben a maior parte dos asistentes xa coñecían a dilatada traxectoria deste científico e achegáronse ao centro atraídos polo posibilidade de escoitar as explicacións deste “gran divulgador”, como recoñecía unha das asistentes.
Do seu currículo Mártinez-Ratero destacou que é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Sevilla, Master of Science in Mathematics and Theoretical Physics polo Trinity College of Dublin e doutor de Filosofía en Física polo City Collegue de Nova York.
Con máis dun centenar de traballos orixinais publicados nas máis prestixiosas revistas científicas internacionais, Pérez Mercader conta entre outros premios e recoñecementos coa Medalla de Ouro de Andalucía e a Cruz ao Mérito Aeronaútico. Ademais, é Doutor Honoris Causa pola Universidade de Huelva, presidente da xunta reitora do Parque Natural de Doñana e membro do Consello de Ciencia e Tecnoloxía da comunidade autónoma de Madrid.
En resumo, Pérez Mercader é alguén que xa fixo moito pero, sobre todo, ten aínda moitos logros por conquistar no campo da ciencia.