DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Economía Aplicada reflexiona no Duvi sobre o futuro das universidades

Qué facer para seguir avanzando? Por Santiago Lago

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 11/01/2011
A realidade é que a historia da nosa universidade é unha historia de avance continuo. Todo o mundo se move, pero nós máis rápido que a media. Os diferentes rankings dispoñibles amosan que somos das universidades públicas españolas que máis posicións gañaron nos últimos dez anos. Pero tamén que, en conxunto, non estamos aínda entre os mellores de España, que tenden a estar en Cataluña. Certo é que cos recursos que temos non semella que se nos poida pedir moito máis. Pero as cousas están mudando.

Nun futuro xa inmediato, os resultados e os rankings van pesar moito máis no financiamento. O plan aprobado hai unhas semanas pola Xunta de Galicia fará que en cinco anos, o 30% do financiamento estea vencellado ao cumprimento de obxectivos; o financiamento público estatal e europeo tamén está xirando cara a facer esforzos selectivos e intensos, o que significa que vai abrirse a fenda entre os grupos de investigación bos e internacionalizados e os demais; unha proporción crecente dos estudantes (e os seus pais) someten a escrutinio ás universidades antes non xa de cursos un posgrao, senón mesmo para os graos.

Xa que logo, estamos nun momento de inflexión onde se van definir divisións entre as universidades españolas, e debemos decidir en cal queremos xogar. Creo que se nolo propomos, podemos xogar en primeira. Pero para isto debéramos definir unha estratexia global e de longo percorrido: alomenos pensando en 2020. Unha estratexia que debera ter como unha das súas referencias un documento de traballo no que se listaran os indicadores de resultados que nos poden dar máis financiamento, mellores posicións nos diversos rankings docentes e investigadores e outros complementarios que nos dean os equilibrios necesarios para que o edificio non se derrube. Por exemplo, os PAS non adoitan ter protagonismo nos indicadores, mais o seu labor é fundamental para que a universidade funcione ben. E non hai que esquecer que a UVIGO ten carencias importantes no persoal de apoio, dende persoal de secretariado ata informáticos, dende axentes comerciais que consigan contratos e patrocinios, ata persoal específico que axude na confección de propostas de proxectos.

A partires de aí, non debera ser difícil definir en que debemos mellorar especialmente, porque estamos moi atrasados, ou onde nos é máis doado mellorar e polo tanto mellorar os indicadores globais con menos esforzo.

A terceira fase é máis difícil: deseñar os mecanismos e programas para acadar esas melloras. Uns mecanismos é programas que deben funcionar a todas as escalas: individual, departamental, de grupo de investigación, titulación, facultade e campus. Uns mecanismos que deben priorizar os incentivos positivos (os premios) fronte aos negativos, aínda que sen descartalos de entrada. Uns mecanismos que deben dar instrumentos a directores de departamento, investigadores principais, decanos, e vicerreitores para que os esforzos de mellora non queden en brindes ao sol. Uns mecanismos, en fin, que deben asumir a existencia de desigualdades nas condicións de partida entre áreas. O mesmo que pedimos cando falamos do reparto entre universidades é de aplicación ao falar internamente. Por iso paréceme que na elaboración dese documento de traballo deberan capturarse as inquedanzas, reflexións e coñecemento directo acumulado nos distintos departamentos, facultades e campus da UVIGO.