DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As teses en curso afondan en temas como o 'sexting', os videoxogos ou a motivación

Do que se falará en investigación educativa

O alumnado de doutoramento reúnense periodicamente para dar empuxe aos seus traballos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 13/04/2015

O sexting; a motivación de alumnos con necesidades educativas especiais; o capital psíquico en menores en risco de exclusión social; a utilización educativa dos videoxogos en adolescentes ou a intelixencia emocional na formación do profesorado. Estes son algúns dos temas de investigación escollidos polos estudantes que na actualidade están a realizar o programa de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Son máis dunha vintena de novos investigadores que contribuirán ao avance da investigación no eido educativo nos vindeiros anos.

“O Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento do noso centro é un dos programas máis potentes da Universidade de Vigo. Cada ano incorpóranse a el 14 persoas, pero moitas outras quedan fóra por falta de praza. A maioría dos que cursan este novo doutoramento xa se dedican a tempo completo a facer a súa tese, porque teñen que presentala en tres anos. A diversidade de temas que escollen para facela é moi ampla, desde a historia da educación, que estaba decaendo, ata as novas tecnoloxías”, apunta Xosé Manuel Cid, director do programa e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

22 destes novos investigadores, que están no primeiro ou segundo ano de doutoramento, déronse cita a pasada semana no campus de Ourense no marco das súas reunión de traballo periódicas. “É importante que as persoas que comezan agora coa tese fagan o esforzo de presentala aos seus compañeiros e docentes e que os que xa levan un ano traballando nela amosen os avances feitos. Entre todos podemos achegar ideas, mellorar a orientación dos traballar e axudar a darlle un empuxe”, subliña Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación ourensá. Na ardua tarefa que é facer unha tese de doutoramento, sinala, poder compartir con outras persoas na mesma situación as inquedanzas que van xurdindo durante o proceso e escoitar outros puntos de vista sobre o tema no que un traballan é especialmente motivante para seguir adiante. “O debate é moi enriquecedor e os docentes poden ser de axuda para continuar avanzando cando as investigacións se paran nalgún punto”, recalca García Señorán.

Un panorama prometedor

Patricia Alonso é unha destas persoas que está a realizar a súa tese de doutoramento na facultade ourensá, concretamente sobre o tema do sexting, os seus riscos e a resposta psicosocioeducativa ante este fenómeno. “O tema que escollín para a miña tese é un tema moi de actualidade, o sexting, que consiste no envío, recepción ou reenvío de contido de tipo sexual ou erótico, xa sexa texto, imaxes ou vídeo, a través de calquera medio informático”, aclara. No seu caso, a investigación xa está avanzada, pois, indica, “xa fixemos a recollida de datos e grupos de discusión en institutos e agora estamos na fase de análise de datos”.

A investigación de Alonso non é a única na que educación e novas tecnoloxías se cruzan. Deste xeito, Aida Ameneiros investiga sobre a utilización de videoxogos en adolescentes; Cristina Sánchez sobre a aprendizaxe ubicua coa tablet no alumnado de Educación Primaria e Jennifer Fernández-Rodríguez sobre o papel de Internet no ocio dos adolescentes e a súa repercusión na aprendizaxe. Tampouco é a única que se achega ao tema de xénero e sexualidade. Deste xeito, Eva González traballa no deseño, implementación e avaliación dun programa de educación afectiva-sexual con perspectiva coeducativa dirixido á etapa de Educación Infantil e Nuria Alvarez está a estudar os estereotipos de xénero con nenos, adolescentes, país e nais de Educación Infantil.

Alberta Sousa é outra das alumnas que está a realizar a súa tese de doutoramento no centro ourensán, aínda que no seu caso está comezando. “Despois de darlle moitas voltas, vou traballar sobre a motivación de alumnos e alumnas con necesidades educativa especiais ou dificultades de aprendizaxe”, indica a investigadora. Ela é docente de educación especial en Chaves e forma parte dun grupo amplo de egresados lusos que realizan o seu doutoramento na Facultade de Ciencias da Educación, aproveitando a proximidade xeográfica e os vínculos entre as institucións académicas dunha e doutra beira do Miño. Deste xeito e entre outros, Joana Figueiredo investiga sobre as competencias transversais en cidadanía, Ana Forte sobre a violencia nas parellas lusas máis novas e Víctor Silva sobre as alteracións de equilibrio en persoas con dificultades intelectuais.

Outros temas escollidos polos alumnado de doutoramento son a calidade de vida, autoestima, resiliencia e outros factores similares en persoas que traballan en emerxencias; a educación social no contexto escolar; a incidencia da intelixencia emocional no rendemento académico do alumnado con problemas de conduta; a eficacia dun programa de instrución en escritura para alumnos de Educación Primaria con dificultades de aprendizaxe e a relación entre operacións de cálculo escrito, transcodificación e procesos cognitivos en Educación Primaria. Trátase en definitiva, e tal e como apuntan os responsables do programa, dun amplo abano de propostas que dá conta do prometedor panorama da investigación no eido educativo.