DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director do INAP, Manuel Arenilla, impartiu un relatorio en CC Sociais sobre o futuro do público

Que hai máis grande que garantir os dereitos e liberdades dos cidadáns?

Avogou por introducir un novo xeito de gobernar para mellorar administración pública

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/11/2013
A súa traxectoria profesional é unha evidencia, pero nada mellor que escoitar a paixón que se desprende das súa palabras ao falar do exercicio da súa profesión para confirmar a devoción que Manuel Arenilla profesa cara ao exercicio do público. “Somos servidores públicos e servir á comunidade é a máis alta maxistratura, como dicían os gregos. Unha vocación de servizo que se concreta en ter conciencia de que a administración pública é a que garante os dereitos e liberdades dos cidadáns, e que hai máis grande que iso?”. Catedrático de Ciencia Política e da Administración na Universidade Rey Juan Carlos e director do Instituto Nacional de Administración Pública, INAP, Manuel Arenilla Sáez, foi o encargado esta tarde da apertura do Grao en Dirección e Xestión Pública cun relatorio organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración e Observatorio da Gobernanza G-3 da Universidade de Vigo.

Baixo o título O futuro do público, Arenilla afondou nas claves dunha cuestión que segundo o director do INAP ten un claro protagonista: o cidadán. “O público representa a garantía dos dereitos e liberdades dos cidadáns”, explica Arenilla “e o distanciamento que ten a cidadanía do público é enorme e moi preocupante. Un distanciamento que ten que ver dalgún xeito con determinados privilexios de aqueles que ostentan o poder, tanto por parte dos políticos, como de empregados públicos”. Este afastamento, considera o catedrático que é malo para a democracia, dado que o negocio da administración pública é “o negocio da democracia, nin o da rendibilidade, nin da eficacia, que tamén, pero digamos que a conta de resultados da administración pública é a democracia e en indicadores de democracia España está regular por dicilo de xeito suave, cunha caída desde 2008”, explicou Arenilla que foi presentado polo profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, Enrique Varela, ao que acompañaron, Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencais Sociais e da Comunicación: Álvaro López Mira, director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía; e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

Un novo xeito de gobernar para unha mellor administración pública

Aínda que o director do INAP recoñece abertamente que “temos unha gran administración pública que precisa da adopción de medidas de planificación estratéxica que nos permitan entroncar coa corrente principal das reformas da OCDE, dentro da nosa propia tradición”, manifesta con claridade a necesidade de introducir un novo estilo de gobernar como condición suficiente para acometer unha reforma da administración pública en España. Ao fío da reforma presentada polo Goberno central o pasado mes de xuño, Manuel Arenilla considera que hai dous niveis de reforma: o de eficiencia que fixo o executivo, que sería a condición necesaria, pero que non sería suficiente sen introducir un novo estilo de gobernar “que pasa pola transparencia, a rendición de contas e por cambiar como se organiza o sistema político”, explica. Neste contexto, o catedrático destaca a importancia que ao seu xuizo ten a Lei de Transparencia que cualifica como “ a barita máxica para transformar a administración”. Para Manuel Arenilla, España debe estar entre as primeiras doce primeiras potencias do mundo en transparencia e en rendemento do sistema, pero “cómpre mellorar o estilo de gobernar”.

Reformar a administración pública en tempos de crise

Nun contexto de crise económica como o actual, o director do INAP sostén a bandeira da planificación estratéxica como guía. Á calor do recentemente publicado informe Panorama de la administración pública 2013, Arenilla amósase firme á hora de asegurar que se debe “tomar como referencia os indicadores internacionais, debemos mellorar en recursos humanos e na profesionalización da administración pública; debemos diminuír a politización, mellorar a planificación estratéxica ...”. Aínda así o catedrático de Ciencia Política e da Administración na Universidade Rey Juan Carlos, afirma que España conta cunha administración “sensatamente profesionalizada que é mellorable e que ten alta conciencia do que é o servizo público, aínda que cómpre motivala”, explicou.