DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil do campus acolleu este mércores unha sesión de contos e cancións

Que un león nunha cama non é un camaleón

A cargo da escritora e docente da Universidade de Vigo Susa Herrera

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/10/2013

Susa Herrera é docente na Universidade de Vigo de didácticas especiais, concretamente de expresión musical. Pero para os nenos e nenas da Escola Infantil do campus de Ourense e para os seus familiares é algo moito menos académico e máis divertido. É a persoa que este mércores pola tarde lles fixo cantar e soñar cun caixón cheo de pitiños, leóns, camaleóns e moitos outros seres desbordantes de vida e movemento. Acompañados polos seus proxenitores, o alumnado máis novo do campus compartiu con ela unha actuación moi divertida e chea de xogos a través das palabras, da música e da xestualidade.

Durante a actuación, os asistentes puideron escoitar pezas da xa extensa traxectoria de Herrera como creadora de pezas musicais para os máis cativos, que inclúe títulos como Animais encantadores e Todos os animais ao caixón, formado por cancións que compuxo sobre contos da colección Cu-cú sorpresa de Combel. Ademais, a docente da Universidade de Vigo é, xunto a Gloria Mosquera, autora de contos como Pipirrí, pipirrí!, Bau, bau! e Miau, Miuai!. Un a un, a autora foille presentando aos asistentes cada un dos bichiños que poboan o seu mundo de contos e música e ensinoulles como “un león nunha cama non é un camaleón” e moitas outras cousas que deben saber do mundo animal.

A sesión de contos e cancións foi tamén unha celebración do Samaín e moitos dos nenos e nenas e dos familiares que os acompañaban acudiron disfrazados como é tradición por estas datas. Cos seus traxes de bruxas e esqueletos, os máis cativos gozaron dunha tarde diferente na que moitos deles puxeron en práctica o aprendido nos últimos días na clase, onde coñeceron as cancións de Susa Herrera e aprenderon algunhas das súas letras e onde traballaron co significado do Samaín e as súas tradicións arraigadas na provincia de Ourense.