DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico inicia un curso para axudar ao alumnado a mellorar esta habilidade

Que levanten a man as persoas que desexan comunicarse mellor

A programación neurolingüística é unha das técnicas empregadas na actividade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/01/2013

Que levanten a man as persoas que desexan mellorar a súa forma de comunicarse. Deste xeito comezou este xoves o Curso sobre habilidades comunicativas con programación neurolingüística, organizado polo Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense. A resposta dos asistentes foi levantar decididamente a man. Unha reacción lóxica pois nunha sociedade hiperconectada a través das novas tecnoloxías coma a actual, máis que nunca a comunicación convértese nunha habilidade decisiva para o éxito persoal, académico e profesional e cada vez máis as persoas son conscientes das súas carencias e necesidades neste eido.

“O curso xurdiu principalmente para axudar ao estudantado a enfrontarse mellor ás presentacións de fin de estudos que coa implantación do Plan Boloña están obrigados a realizar ao rematar os graos e os posgraos. A universidade non os forma para ese paso e é aí onde se aprecian as grandes dificultades comunicativas que teñen os universitarios”, explica Isabel Ferreiro, psicopedagoga do gabinete ourensán e practitioner en programación neurolingüística. En todo caso, engade, o obxectivo desta iniciativa é proporcionar aos asistentes, unha vintena, unha serie de pautas que poidan empregar para desenvolverse en calquera ámbito da vida, non só o académico.

Múltiples factores e moita intuición

A capacidade de negociación, a asertividade, como nos falamos a nós mesmos e como lle falamos aos demais, apunta, son cuestións fundamentais para mellorar a comunicación coa contorna. “Non hai unha clave única para facelo ben pero si se poden dar consellos para facelo mellor, como apostar pola naturalidade e fiarse moito da intuición”, comenta Ferreiro. Neste proceso de muda de hábitos comunicativos a psicopedagoga destaca a utilidade do emprego da programación neurolingüística. “Desde pequenos os nosos pais, docente e outras persoas programáronnos cunha serie de crenzas sobre o que non podíamos ou non íamos ser capaces de facer. Cunha serie de exercicios o que queremos e mudar esa crenza de non podemos por si podemos. A idea é que se cambio a miña linguaxe cambio a miña percepción, se cambio a miña percepción cambio a miña emoción e se cambio a miña emoción podo cambiar o meu comportamento”, resume.

O camiño cara unha vida máis satisfactoria no eido persoal e profesional, comenta Isabel Ferreiro, pode comezar polo paso de ser conscientes de como nos falamos a nós mesmos e de como lle falamos aos demais e comezar a mudar o que non está resultando eficiente e o que nos proporciona frustración ou infelicidade. Nese camiño, apunta, “hai que traballar a primeira impresión, como nos perciben os demais” pois vai condicionar a posterior comunicación que se poida establecer, tal e como puideron comprobar os asistentes ao curso, que como primeiro exercicio presentáronse aos seus compañeiros e escoitaron deles as primeiras impresións que lles causaba.

O curso continuará os días 18, 24, 25 e 31 de xaneiro. Debido ao éxito da convocatoria e ao feito de que se tivo que habilitar lista de agarda, destacan os organizadores, intentarán realizar unha segunda edición desta iniciativa en marzo e axudar deste xeito a que o alumnado vai á ás presentacións de fin de grao e mestrado con máis garantías e seguridade.