DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Empresas da contorna explicaron este venres ao alumnado do campus o que buscan á hora de contratar p

O que marca a diferenza non é o currículo, son as habilidades

Creatividade e capacidade de liderado e de traballo en equipo son algunhas das súas esixencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/03/2013
Este venres déronse cita no campus de Ourense responsables de recursos humanos dalgunhas das principais empresas da contorna para explicarlle ao alumnado universitario que é o que buscan nunha persoa á hora de contratala. Todos eles coincidiron en sinalar que o que marca a diferenza dun candidato a outro non é a súa formación senón as súas competencias, a capacidade que ten de liderado, de traballo en equipo, de creatividade e de intelixencia emocional, entre outros aspectos. Nun mercado cambiante coma o actual, apuntan, o que máis precisa unha empresa é un profesional flexible e seguro capaz de aprender e de actuar a medida que as circunstancias mudan.

A cita entre os directivos e o estudantado tivo lugar na primeira sesión do Curso de Competencias Horizontais, organizado pola Área de Emprego da Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento e a Vicerreitoría do campus e financiado polo Consello Social da Universidade de Vigo e R. “A intelixencia emocional e as competencias persoais e sociais dunha persoa son as que marcan a diferenza. Entre estas capacidades é fundamental ter a visión de que traballar non é algo negativo, é un espazo onde debemos e podemos ser felices”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a inauguración do curso xunto a José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense.

Os recursos humanos

Santiago Vázquez, responsable de Dirección de Persoas de R; María José Fernández, responsable de Recursos Humanos-Desenvolvemento de Persoas do Grupo Cuevas; Marta Sanz, directora de Recursos Humanos de T-SOLAR Global; Carlos Pena, director de Persoal do Grupo Pérez Rumbao; Dora Casal, directora de Organización de Adolfo Domínguez, e José Manuel González, director de Persoal de Faurecia Automotive en Ourense, foron os encargados de expor a visión empresarial neste eido. “O máis importante dunha empresa son as persoas e á hora de seleccionalas non importa tanto o curriculum, o discurso, senón a presenza desa candidato, o que te transmite dun modo máis ou menos conscientemente”, destacou María José Fernández. A responsable de Recursos Humanos-Desenvolvemento de Persoas do Grupo Cuevas apuntou que á hora de seleccionar persoal o seu grupo busca nas persoas principalmente competencias, como son coñecerse a si mesmo; ser creativo; ter gañas de explorar e saber traballar en equipo, dicir non, divertirse, falar en público e identificar os problemas. “Estes valores en realidade deberan aprenderse e interiorizarse desde pequenos”, dixo.

Na mesma liña, Santiago Vázquez advertiu aos asistentes de que, nunha sociedade na que o coñecemento dura cada vez menos, “o mundo é dos máis flexibles”. Por este motivo, animou aos estudantes a ser flexibles, optimistas e comprometidos, a ser felices traballando e aprendendo, a confiar e a buscar o significado das cousas. “Primeiro temos que ser felices cun mesmo e logo faremos felices aos demais, o que permitirá un maior crecemento de todos e mellores resultados”, apuntou o responsable de Dirección de Persoas de R.

A capacidade de innovar

A participación destes expertos en recursos humanos non foi a única do eido empresarial que acolleu este venres o campus de Ourense. O Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa celebrou unha mesa redonda titulada Como reinventar as empresas innovando co obxectivo presentar ao alumnado do centro experiencias en innovación de empresarios ourensáns que poden servirlles de motivación. A actividade estaba previsto que contase coa participación de José Mª Gómez, catedrático de Organización de Empresas da Universidade Miguel Hernández de Elche; Alicia Gómez, de INPLASOR Galicia; Eloy Pérez, de UNVI Autobuses; Benjamín Vázquez, do Grupo Coren; e José Manuel Pérez, de Aceites Abril.