DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns comezou no campus de Ourense a campaña solidaria de recollida de material

Para que este Nadal non falte a comida nas mesas

O obxectivo é superar os 700 quilos de alimentos e os 20 paquetes de xoguetes e libros do ano pasado

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/11/2013

O Nadal está á volta da esquina e un ano máis por estas datas o campus de Ourense pon en marcha a súa campaña de recollida solidaria de alimentos, xoguetes e libros. Desde estes luns e ata mediados de decembro, os membros da comunidade universitaria están chamados a colaborar para que nestas datas tan sinaladas nas mesas das persoas máis necesitadas non falte a comida e para que os nenos e nenas poidan ter agasallos. O obxectivo este ano é, cando menos, superar o material recadado o pasado curso, que ascendeu a 700 quilos de comida e a 20 paquetes de xoguetes e libros que foron repartidos entre 75 cativos e cativas.

A campaña foi presentada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos da provincia; Vicky Rodríguez, coordinadora de Cruz Vermella Xuventude Ourense, e Elsa Gómez, coordinadora da Oficina de Voluntariado do campus. “Un ano máis tristemente é necesario facer esta campaña porque son moitas as persoas que precisan da nosa axuda para pasar o día a día pero tamén nestas datas de Nadal, que son tempo de xuntanza da familia arredor da comida e dos agasallos”, destacou María Lameiras durante o acto. Segundo explicou a vicerreitora do campus, esta é a terceira vez que a Universidade colabora en Nadal co Banco de Alimentos e a segunda coa Cruz Vermella, polo que amosou a súa confianza en que a iniciativa se consolide neta ocasión e se incremente a cantidade de material recollido, que o ano pasado se duplicou con respecto á anterior edición.

Para 80 entidades da provincia que precisan axuda

Salientando que “é moi bo ir consolidando cada ano esta colaboración coa Universidade”, o presidente do Banco de Alimentos subliñou a importancia de, a través de iniciativas coma esta, concienciar e educar á xuventude na solidariedade. Cecilio Santalices lamentou o feito de que siga facendo tanta falta a axuda dos cidadáns para atender á xente con menos recursos e indicou que os alimentos que se recollan no campus pasarán a formar parte do material que se distribúa en Nadal entre 80 entidades da provincia que teñen solicitado a axuda do Banco de Alimentos. Pola súa banda, a responsable de Cruz Vermella Xuventude Ourense fixo fincapé na importancia que ten para os nenos e nenas o xogo e a lectura, polo que agradeceu a colaboración da comunidade universitaria nesta iniciativa.

Os docentes, investigadores, estudantes e persoal de administración e servizos do campus e os cidadán en xeral que queiran unirse a esta iniciativa teñen xa á súa disposición na entrada de cada un dos edificios do campus dous carriños da compra identificados cos carteis da campaña. Nun deles as persoas que o desexen poden deixar todo tipo de alimentos non perecedoiros, como azucre, aceite, conservas, leite, legumes e arroz, e noutro xoguetes e libros no mellor estado posible de conservación, xoguetes que logo serán revisados e postos a punto para a súa entrega ás familias e menores que os precisen. Cada gramo de comida é valioso e cada xoguete trae un sorriso, destacan os organizadores da iniciativa. A recollida de alimentos estará aberta ata o día 18 de decembro e a de xoguetes ata o 10 de decembro.