DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha campaña organizada polos Comités Abertos de Estudantes

"O que non poñen eles pagámolo nós" reivindica un aumento do investimento público no ensino universitario

O19 de novembro celebrarase unha xornada de folga nos sete campus galegos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 30/10/2008
Co lema Máis diñeiro público, menos taxas preséntase a campaña O que non poñen eles pagámolo nós, coa que os Comités, organización estudantil nada da unificación dos Comités Abertos de Escola e Facultade (CAE-CAEF) e os Comités Abertos de Estudantes (CAE), teñen como obxectivo “instar á Administración a aumentar o investimento na universidade, reducindo así os gastos por parte dos estudantes”, explica Iago Varela Martínez, responsable dos Comités en Vigo. A campaña presentada hoxe dará comezo este xoves e prolongarase ata o 19 de novembro coa convocatoria dunha xornada de folga, nos sete campus galegos, pola defensa da universidade pública galega.
A maiores, durante o período de campaña, tamén se repartirán entre os estudantes uns adhesivos e panfletos cunha banda deseñada cómica e procederase á recollida de sinaturas coas esixencias dos Comités para entregar na Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Os 7 puntos da reivindicación

O que non poñen eles pagámolo nós fundamenta as súas reivindicacións en sete puntos. O primeiro de todos é a solicitude de máis diñeiro público por que, como explica Iago Varela, "actualmente a Consellaría de Educación está a investir no ensino universitario o 0,75% do P.I.B. de Galiza e fannos crer que chegará ao 1,5% no 2015, cando as súas previsións eran chegar ata o 1% no 2010”. Fronte a estas previsión, Varela explica que “dende os Comités entendemos que este non debe ser inferior ao 1,5% pero xa no 2010”.
A redución das taxas é a segunda das cuestións na que se basea a campaña. A participación dos estudantes no financiamento universitario a través das taxas supón o entre un 10% e un 18%. Neste senso “os Comités apostan por acadar o 5% no 2010, non producíndose un prexuízo económico para as universidades e beneficiando ao alumnado”, declaraba o responsable dos Comités en Vigo.
O resto dos puntos fan fincapé no aumento de bolsas de axuda ao estudo, do aloxamento público, da coordinación, da necesidade de fiscalización e control orzamentario por parte da Consellaría de Educación e dunha universidade de calidade. En relación con esta reivindicación os Comités consideran que unha universidade de calidade pasa pola progresiva eliminación da limitación de prazas nas titulacións, nos graos e posgraos, a eliminación das probas específicas para as titulacións e a redución dos ratios profesor/alumno.