DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un posto informativo na rúa busca a participación da veciñanza no ‘Banco-Escola Universidade-Cidadan

Que quere aprender e que pode ensinar?

Esta iniciativa do programa 'Tangram' trata de promover unha rede de intercambio de coñecementos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 09/04/2014

Desde mellorar o dominio dun idioma a aprender como deseñar unha páxina web ou adquirir unhas nocións sobre bricolaxe, todo tipo de coñecementos teñen cabida no Banco-Escola Universidade-Cidadanía, unha das propostas incluídas no programa sociocultural Tangram, que promove a Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Despois de espertar o interese de preto de 70 alumnos e alumnas, inscritos xa para participar nesta iniciativa, esta rede de intercambio de coñecementos e habilidades trata agora de implicar á veciñanza de Pontevedra cunha campaña informativa que traslada o stand de Tangram a diferentes puntos da cidade.

A céntrica praza da Ferrería foi este xoves a primeira parada do posto informativo de Tangram, que o vindeiro sábado se instalará na praza da Verdura a partir das 16.30 horas para logo trasladarse á glorieta de Compostela ás seis da tarde. Neste posto informativo, a veciñanza poderá coñecer máis ao detalle como é o funcionamento dun proxecto que emula o sistema de intercambio dun banco de tempo, pero limitándoo só ao ámbito formativo. Neste senso, ademais de recoller os datos das persoas interesadas, nesta campaña informativa trátase tamén de “amosar á xente que saben facer unha morea de cousas, porque normalmente hai máis oferta que demanda”, explica Rocío Gómez-Juncal, dinamizadora do programa Tangram. De aí que esta rede de coñecementos non estea limitada á formación propia do ámbito universitario, senón que busca impulsar unha plataforma na que teñan cabida todo tipo de coñecementos ou habilidades, “desde como facer unha instalación eléctrica, ata como facer unha torta”, engade Gómez-Juncal. De feito, entre as opcións ofrecidas polas as preto de 70 estudantes inscritos destacan como as máis comúns a aprendizaxe de idiomas e a formación artística, pero tamén houbo quen mostrou a súa disposición para ensinarlle á veciñanza algo de ornitoloxía ou de apicultura.

Un intercambio gratuíto e equitativo

Tras esta fase de presentación, porase en marcha en Internet unha plataforma de intercambio de coñecementos no que as persoas responsables da dinamización deste Banco-Escola se encargarán de poñer en contacto ás persoas que ofrecen unha determinada formación con aquelas que a demandan. “O que imos garantir é que se intercambien coñecementos e non servizos”, destaca Goméz-Juncal, que explica que tamén se buscará que este intercambio de carácter gratuíto sexa equitativo, de tal xeito que quen reciba 20 horas de formación deba destinar tamén 20 horas do seu tempo a trasladarlle os seus coñecementos a un terceiro.

Tempo para a formación en Constrúe en verde

Este Banco-Escola Universidade-Cidadanía é unha das tres actividades incluídas no programa Tangram, que a Vicerreitoría organiza en colaboración coa Concellería de Cultura, xunto con Apostando polo deseño para tod@s, unha iniciativa na que alumnado e profesorado traballará no deseño de mobiliario adaptado ás necesidades da veciñanza, e Constrúe en verde, que ten como obxectivo final a construción dunha caseta para o barrio da Parda que responda as demandas formuladas polos residentes na zona.

No caso deste último proxecto, despois de que a iniciativa fose presentada na sede da asociación de veciños Pedra do Lagarto en decembro e ao alumnado do campus na campaña informativa de Tangram, chegou o momento de dar comezo ás actividades formativas dirixidas a proporcionar aos participantes os coñecementos necesarios de cara á convocatoria dun concurso de ideas para decidir o deseño da construción. Este programa formativo, aberto a todas as persoas que queiran sumarse a esta iniciativa, comezará esté venres cun relatorio sobre materiais sostibles na Escola de Enxeñaría Forestal, impartido polo profesor Juan Picos.

Ao día seguinte, realizarase unha visita á Estación Marítima de Vilanova de Arousa, na que o alumnado estará acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e terá como guías ao arquitecto Ángel Cid, á secretaria xeral de Confemadera, Ana Oróns, e a Manuel Touza, representante de CIS Madeira.

Xa despois da Semana Santa, o programa formativo continuará o venres 25 cunha visita á edificación sostible do IES A Xunqueira e co coloquio sobre edificacións sostibles que os investigadores da Universidade da Coruña María Carreiro e Cándido López impartirán na Casa das Campás o sábado 26.