DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este xoves unha conferencia de Iago Santalla sobre a superación

Quen dixo límites?

O educador social, que ten parálise cerebral, destacou o feito de que todas as persoas son dependent

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/05/2013

Está farto e así o dixo de que sempre se asocie ás persoas con discapacidade as palabras límite e minusvalía. Iago Santalla, educador social con parálise cerebral desde que naceu, ofreceu este xoves unha conferencia motivacional no campus de Ourense na que quixo reivindicar o feito de ninguén ten menos valor que ninguén e que todos os individuos dependen doutros. Contra os prexuízos sociais, Santalla apostou polo concepto de "ilímite" para destacar que cada cidadán ten un potencial e unhas capacidades polas que apostar. Nunha sociedade obsesionada en pór o foco sobre os límites, o educador social fixo fincapé en trasladar o interese aos "ilímites".

Conceptos en positivo

Durante a súa conferencia, que tivo lugar no marco das actividades do curso Intelixentemente Emocionais que organiza esta semana o Gabinete Psicopedagóxico do campus, o educador social destacou “a importancia de que cada un coñeza ou seus límites e "ilímites" para superalos e para aproveitalos para medrar”. Nesta teoría da superación, Santalla salientou a necesidade de ser conscientes de que os individuos somos interdependentes, non como un factor negativo e si positivo. “Todos temos límites e "ilímites" diferentes e polo tanto vamos a necesitar apoiarnos noutras persoas para poder desenvolvernos. O meu límite pode paliar o teu e viceversa. Eso é a interdependencia. Non hai ninguén que sexa totalmente autosuficiente na sociedade”, advertiu.

Diplomado en Educación Social, doutor en Humanidades e cun mestrado en Servizos Culturais, Iago Santalla desenvolve esta teoría sempre que pode en actividades de coaching nas que participa ou en accións de sensibilización ás que é convidado, ademais de contar con dúas publicación sobre este tema, tituladas O ilímite de pensarte libre e O ilímite do potencial humano. “Máis que nunca, no momento de crise en que estamos, hai que mandar unha mensaxe positiva. Non hai que perder a esperanza. Resistir sempre ten premio e as persoas teñen que ser conscientes e seguir loitando”, subliñou durante a súa conferencia no campus de Ourense.

Transformación fronte á adversidade

Tomando como exemplo a súa propia experiencia persoal, Santalla tamén quixo transmitir aos estudantes universitarios presentes a importancia de recuperar da psicoloxía o concepto de "resilencia", que se refire á capacidade dos suxeitos de sobreporse a períodos de dor e traumas. “Hai que aprender a aproveitar as adversidades para a transformación persoal. Todos pasamos nalgún momento da vida algún mal trago e iso non nos pode derrubar”, subliñou o conferenciante.

Por esta forma de enfocar as emocións e o desenvolvemento persoal e por esta capacidade de motivar ás persoas, o Gabinete Psicopedagóxico elixiu a Iago Santalla para protagonizar a penúltima sesión do curso Intelixentemente Emocionais, que tiña como obxectivo apoiar aos asistentes no seu proceso de coñecer e xestionar as súas propias emocións para conseguir unha mellor relación con eles mesmos e cos demais. “A idea era potenciar as súas relacións a través dunha transformación persoal na que se eliminan as barreiras que lles impiden ter un equilibrio emocional saudable”, subliñou Isabel Ferreiro, responsable xunto a Conchi Cochón do gabinete. Un obxectivo ao que de seguro contribuíu coñecer de primeira man un exemplo de superación como o de Iago Santalla.