DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acollerá o martes 25 o coloquio ‘Da fin dos estudos ao principio da vida profesion

Para quen quere emprender e non sabe como

O profesor Francisco López Corrales explicará os trámites para crear unha empresa ou establecerse co

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 20/03/2014

Nuns tempos nos que o autoemprego se ten convertido na opción pola que se decantan profesionais de múltiples perfiles, dispor de información sobre as diferentes alternativas que existen para comezar a traballar por conta propia resulta clave para aquelas persoas que se atopan na fronteira entre a fin dos estudos e o inicio da vida laboral. A elas vai precisamente dirixido o relatorio sobre autoemprego e creación de empresas que o profesor Francisco Corrales ofrecerá na Casa das Campás e que atende ademais “a unha petición do propio alumnado, xa que en ámbitos como Publicidade e as Relacións Públicas ou Belas Artes son moitos os que pensan en establecerse como freelance”, salienta Ana Belén Fernández Souto, responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus.

A cita con López Corrales, profesor do Departamento de Economía Financieria e Contable de Universidade, será o vindeiro martes ás 20.00 horas, dentro da Programación Primavera 2014 da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Neste coloquio, enfocado principalmente ao alumnado dos últimos cursos das diferentes titulacións do campus pero aberto a toda a cidadanía, trasladaranse aos asistentes “os aspectos básicos para que saiban como crear unha empresa ou darse de alta como autónomo, así como unha serie de orientacións sobre que pasos poden dar á hora de pór en marcha as súas iniciativas”, engade Fernández Souto.

O importante é ter un bo proxecto

“Sempre que teñas unha boa idea para desenvolver, a alternativa do autoemprego pode ser importante”, salienta López Corrales, que incide en que establecerse por conta propia non é nin moito menos “tan inaccesible como ás veces pensamos”. Iso si, este profesor do grao en Dirección e Xestión Pública deixa claro que o fundamental é, en primeiro termo, “ter un bo proxecto na cabeza e saber como executalo”. A partires de aí, cómpre analizar “os custos que implica crear unha empresa e as posibles axudas ás que se poidan optar”, que é precisamente a información que tratará de trasladar o vindeiro martes a aquelas persoas que se acheguen a Casa das Campás, nun relatorio que anuncia como “moi coloquial e adaptado a un público que non ten que saber nada deste tipo de trámites”.

De feito, a idea de López Corrales é introducir en primeiro termo aos asistentes “nas distintas formas xurídicas contempladas na lexislación para crear unha empresa, desde darse de alta como autónomo a unha cooperativa, unha sociedade anónima laboral ou unha sociedade limitada”. Esta explicación inicial virá a continuación acompañada dunha orientación relativa “a onde poden acudir para informarse, que gastos implica montar cada tipo de empresa ou as obrigas que terían coa Seguridade Social e con Facenda”. Na mesma liña, tamén se abordarán nesta sesión as posibles liñas de axudas e subvencións ás que poderían optar, tanto da administración local ou autonómica como da estatal, aquelas persoas que queiran internarse no mundo laboral polo camiño do emprendemento.