DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle do 21 ao 28 de setembro un curso sobre planificación fiscal

Queres optimizar a túa relación con Facenda?

Baixo a coordinación dos docentes Alberto Vaquero e Santiago Lago

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/09/2012

A programación de cursos de verán 2012 está a piques de pechar e no campus de Ourense farao coa celebración na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do curso Planificación, estratexias fiscais e comportamento fiscal do contribuínte. A iniciativa, coordinada polos docentes Alberto Vaquero e Santiago Lago, ten como obxectivo axudar aos asistentes a optimizar e mellorar a súa relación tributaria coas diferentes administracións. A improvisación, tamén con Facenda, non soe dar moi bos resultados.

“O obxectivo deste curso é explicar aos participantes os fundamentos da planificación tributaria e as técnicas para minorar o impacto fiscal nas decisións de investimentos e desinvestimentos de persoas físicas e xurídicas”, explica Alberto Vaquero. Para acadalo, os relatores achegaranse de xeito práctico aos procedementos para a liquidación de impostos, ao uso de programas informáticos e ás fórmulas de recurso posibles perante as administracións tributarias.

Contidos teóricos pero tamén prácticos

O curso comezará o día 21 de setembro cunha sesión a cargo de Alfonso Moreno, asesor fiscal, que falará sobre como elixir axeitadamente a forma e os investimentos empresariais. Coa súa intervención comezarán seis días de traballo no que Alberto Vaquero presentará os diferentes instrumentos de aforro; o docente Miguel Rodríguez explicará os supostos de liquidación cos programas informáticos existentes; e o catedrático Alberto Gago achegarase á planificación fiscal internacional. Para dar unha visión desde a propia administración tamén intervirán José Antonio Fernández, subinspector da Axencia Estatal de Administración Tributaria, que falará de recursos e procedementos ante as administracións tributarias, e Sara da Rocha, técnica tributaria da mesta axencia, que amosará aplicacións prácticas das obrigas dos contribuíntes.

O curso, de 30 horas de duración, combinará sesións teóricas e prácticas nas que os alumnos resolverán diversos supostos que lles permitirán asentar os coñecementos adquiridos, de xeito que poidan aplicalos posteriormente tanto no seu ámbito profesional coma persoal. As persoas interesadas en inscribirse aínda están a tempo de facelo ata esgotamento de prazas.