DUVI

Diario da Universidade de Vigo

López Nores lidera un proxecto europeo para achegar a historia á sociedade a través das novas tecnol

Queres ser un dos 300 espartanos que loitou na batalla das Termópilas?

O Grupo SSI idea un dispositivo para mergullar aos participantes en feitos históricos como se fora u

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 18/12/2012
300 espartanos loitando no paso das Termópilas contra o imperio de Jerjes para intentar frear o avance da invasión persa. Foron moitos os que se interesaron por esta parte da historia grazas á película de Zack Snyder, pero ¿e se se puidera vivir en primeira persoa? Iso é o que se poderá facer realidade con REENACT, un proxecto europeo liderado polo profesor Martín López Nores e que levará a cabo o grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información (SSI), do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. O obxectivo principal é crear e “probar” un dispositivo tecnolóxico que permita mellorar a comprensión de feitos históricos a través de experiencias colectivas. O punto de partida, as innumerables guerras e batallas que configuraron a evolución da humanidade. “A miúdo a pedagoxía limítase a contar datos, correndo o risco de que acontecementos cruciais queden simplificados ata chegar a parecer que suceden porque si. Pero nada é así de sinxelo na realidade e a xente perde unha información valiosa sobre os motivos, decisións, consecuencias…”, explica López Nores.

Como nun xogo de rol

Para encher ese baleiro de coñecementos en historia o grupo SSI propón agrupar a persoas e involucralos na recreación de batallas, sempre guiados por dispositivos móbiles táctiles que lles proporcionen unha visión de realidade aumentada similar á de un xogo de rol en liña con moitos participantes. “É como darlle a volta a unha luva e poñela co de dentro para fóra. Durante a recreación os usuarios moveranse por un espazo determinado seguindo as instrucións que lle marcan os móbiles e tomando decisións segundo o rol que lle toque desenvolver no xogo”, explica o profesor.

Os participantes poderán ver a súa posición e a dos seus compañeiros e contrincantes dentro dun campo de batalla no que se colocarán elementos adicionais que se superpoñerán á contorna real. Os movementos dos xogadores quedan rexistrados para que despois, nunha segunda fase, varios expertos lles expliquen ata qué punto a recreación é fiel ao sucedido na realidade e lles axuden a identificar todos aqueles aspectos relevantes que deciden sobre quen gaña a batalla, como a superioridade tecnolóxica dun dos opoñentes. Xa na última parte abrirase un debate colectivo sobre as consecuencias dos conflitos nas que os xogadores poden, unha vez máis a través dos seus móbiles, participar e comprobar “cómo de distintas serían as cousas se os acontecementos foran por outro camiño”.

A primeira proba, en Grecia

Este experimento forma parte do proxecto EXPERIMEDIA, centrado en investigar sobre as tecnoloxías e a internet do futuro, as redes sociais, a realidade aumentada, a xeolocalización, a web semántica ou a personalización de contidos sempre vencellado a eventos moi concretos. “Para nós este proxecto supón dar un paso adiante no aumento do impacto da nosa actividade de investigación, pero tamén é unha oportunidade de consolidar colaboracións e gañar en know how de cara á consecución de novos proxectos deste tipo nos vindeiros anos”, subliñou López Nores.

A Universidade de Vigo traballará cóbado con cóbado coa Fundación do Mundo Helénico (FHW), unha rede de museos cunha aposta moi decidida por achegar a historia ao público xeral a través das novas tecnoloxías. A rede de colaboración esténdese a un consorcio formado por 20 socios entre os que figuran as universidades de Southampton (Reino Unido), a National Technical University of Athens (Grecia), a Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica), a Graz University of Technology (Austria) e a do Peloponeso (Grecia); centros de investigación de Austria, Francia, Luxemburgo e Polonia e empresas tecnolóxicas de España, Austria, Reino Unido e Suecia.

Neste momento e ata final de ano, a investigación centrarase en facer o inventario da tecnoloxía que pode achegar cada un dos socios para definir os obxectivos para os vindeiros meses. O seguinte paso sería implementar e probar todos os compoñentes da solución tecnolóxica atopada e, xa no verán de 2013, instalar o dispositivo nas dependencias do FHW en Atenas e facer experimentos con grupos de xogadores recreando a batalla das Termópilas.