DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O dramaturgo participou xunto a Afonso Becerra na clausura do ciclo Escritoraes na Universidade

Quico Cadaval atribúe o Premio Cultura Galega 2011 de Artes Escénicas a un traballo colectivo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría e Jessica Fdez. DUVI 03/11/2011
A sexta edición do Ciclo Escritorae na Universidade celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución baixou hoxe o pano cunha sesión dedicada ao teatro que contou coa participación do director de escena Afonso Becerra e o dramaturgo Quico Cadaval que onte foi galardoado co Premio Cultura Galega 2011 na categoría de Arte Escénica. Este recoñecemento ao seu traballo en prol do impulso e constante actualización do teatro galego e a súa labor como editor, foi valorado por Cadaval antes do inicio do ciclo como “moi agradable, aínda que non é un premio para min senón para Mofa e Befa e demais compañeiros cos que traballei. É un premio de recoñecemento colectivo porque o teatro non é unha actividade individual”. De este traballo coral e máis en concreto dos textos nos que se basea falaron Cadaval e Becerra tras a presentación do profesor da Universidade de Vigo, Manuel Forcadela.

Becerra defendeu na súa intervención a Cunqueiro como dramaturgo, asegurando que o teatro é un xogo, un espírito lúdico e que Cunqueiro era “un mestre xogando coas palabras e os personaxes”. O director incidiu nas diferenzas existentes entre o teatro e a literatura dramática e asegurou que “hoxe a literatura dramática que se edita non se coñece”.

A “decibilidade” dos textos

Pola súa banda Quico Cadaval puxo o acento na súa intervención la importancia do público que asegurou “completa o teatro”. Un público que agarda sobre a escena unha simulación de actos que parten dun texto no que o autor debe manter unha liña de “lexibilidade” co auditorio. Cadaval citou o traballo de Rodrigo García do que destacou a “decibilidade” dos seus textos entre os que destacou Haberos quedado en casa capullos.
Luigi Pirandello foi directamente aludido por Cadaval para referirse á introdución de signos no texto o que fai que “sexan textos para ser ditos, fronte a outros que non poden ser ditos”. Fronte ao proceso creativo de Pirandello que acreditaba que os personaxes se lle aparecían desde a penumbra, Cadaval explicou que o seu traballo “non procede da visita da fantasía, senón da galaxia do ensaio, da improvisación e da tensión desordenada”.

Organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, na VI edición do Ciclo Escritorae Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro participaron o narradores Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias e as poetisas Marga do Val e Enma Pedreira.