DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Puxeron o broche de ouro á VII edición do Ciclo de escritores en lingua galega

Quico Cadaval e Carlos Callón explican en Vigo 'contra' quen escriben

Desde a organización valoran a actividade como un “milagre” avalado polo público e pensan xa noutra

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 18/10/2012
Poder ter de preto a creadores da literatura galega, escoitar as súas verbas e mesmo intercambiar opinión con eles non é algo que sempre estea ao alcance da man. Sabedores desta realidade desde a Facultade de Filoloxía e Tradución puxeron en marcha e, xa van sete edicións, o Ciclo de Escritores en Lingua Galega, unha actividade xa consolidada que se converteu en referencia obrigada para todas aquelas persoas interesadas na lingua e cultura galega, tanto da Universidade de Vigo como de fóra dela. Dous pesos pesados do panorama literario actual, Quico Cadaval e Carlos Callón, dous “ polemistas” consagrados, puxeron este xoves o broche de ouro a derradeira sesión desta sétima edición.

Nados os dous en Ribeira, na “terra das dornas” como salientou o profesor e escritor Anxo Angueira na súa presentación , Quico Cadaval e Carlos Callón compartiron cos asistentes o por que (n) e e para que (n) da súa escritura, ou mesmo o “contra quen”, salientou Cadaval en relación aos ensaios escritos por Callón “auténticos libros de combate” en defensa da lingua e do idioma galego.

Ensaio, teatro, contacontos

Carlos Callón achegou a visión do ensaio e Quico Cadaval a teatral e outra non menos importante, a do contacontos, “unha parte fundamental da historia do noso idioma”, salientou Angueira que defendeu estes ‘textos’ como traballos cunha “extraordinaria” elaboración técnica detrás e mostra clara dun “galego vivo e enxebre”.

Ensaísta, poeta e creativo polifacético, Carlos Callón relatou como a súa escritura reflicte o seu papel como activista político e da lingua “os meus libros son resultado deste activismo en todos os sentidos”, subliñou, ao tempo que repasou os seus ensaios de temática máis lingüística: En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos “e non acabar cunha úlcera de estómago” ironizou, e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, unha obra a piques de saír do prelo. Tampouco pasou por alto, aquelas obras resultado de pesquisas histórico-literarias “escritas co máximo rigor académico”: Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela e Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, unha peza da que xa está a pensar nunha segunda parte que abarcará dende o século XIX ata os anos setenta.

No caso de Cadaval, que admitiu que “eu estou sempre falando, mesmo cando escribo”, defendeu o teatro como un texto social, “escribes para un teatro cheo, para un público heteroxéneo”, salientou, ao tempo que fixo fincapé en que cando se escribe “tes que facelo de xeito que a xente pense que non está escrito”.

Balance máis ca positivo

Desde a organización manifestaron a súa satisfacción polo éxito acadado nesta xa séptima edición do ciclo. “Nos tempos nos que estamos, nos que hai unha caída salvaxe e espectacular dos orzamentos para actos culturais, que só se pode entender por motivos políticos e non económicos, que isto sobreviva é case un milagre”, salientou o profesor Manuel Forcadela, un dos principais impulsores da iniciativa.

A consolidación do ciclo notouse tamén na afluencia de público ás diferentes mesas redondas que, salvo nesta derradeira sesión, que coincidiu con xornada de folga entre o estudantado, foi “moi importante e notoria”, algo que dende a organización valoraron como “moi significativo”, xa que deixa entrever “un recuncamento ou reinicio do interese da xente, sobre todo da universitaria, pola cultura e que está en contra do envilecemento da sociedade na que vivimos neste intre”, salientou Forcadela en referencia a que unha das cousas máis importantes da cultura galega é que, ao seu xuízo, é unha cultura que xamais foi envilecida, pois por máis que se criticase o seu carácter solemne e protocolario "nunha tivo ese punto de frivolidade que conduce ao envilecemento que se produce noutras culturas limítrofes".

Pensando xa nunha oitava edición “que terá lugar, sen dúbida”, os organizadores ven neste fluir do público un indicio, un síntoma de que os tempos están a cambiar. “Estamos no peor dos peores momentos é ese peor dos peores momentos é xustamente o intre no que o ciclo cambia”