DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un quilo de arroz, un quilo de axuda

Citexvi organiza unha recollida de alimentos non perecedoiros ata o vindeiro 17 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 04/12/2012
Eles si queren os quilos que che sobran. Nos últimos anos, a crise disparou o desemprego e o número de fogares sen ingresos suficientes para facer fronte aos gastos do día a día, incluso para o fundamental: comer. Un dato que fai que tamén se multiplique a demanda de axuda por parte das organizacións dedicadas a botarlles unha man, sobre todo en datas tan sinaladas como o Nadal. Por iso, Citexvi e as entidades alí implantadas (Gradiant, Centum, Energylab e Imatia) xunto con Cidade Universitaria quixeron poñer en marcha a Operación Kilo, coa que se recollerán alimentos non perecedoiros que despois se entregarán á Fundación provincial Banco de Alimentos de Vigo.

O principal obxectivo destas colectas é acadar aqueles alimentos dos que o Banco carece por falla de excedentes ao non recibir doazóns concretas. Por iso a prioridade está en conseguir produtos como aceite, leite, arroz, pastas, legumes, fariña, cacao, café ou conservas, aínda que de cara as datas festivas que se aveciñan tamén se recollen doces e sobremesas típicas de Nadal. Os interesados en participar nesta campaña solidaria poderán deixar os alimentos ata o vindeiro 17 de decembro no edificio Citexvi (rúa Fonte das Abelleiras s/n) do campus universitario de Vigo. Tamén haberá puntos de recollida na Biblioteca central, no centro residencial O Castro, no Edificio Piscina e na cafetería Lamarita, no centro comercial.

Dezasete anos de traballo continuado

Fundados como institucións sen ánimo de lucro, os Bancos de Alimentos teñen como finalidade recoller produtos alimenticios que despois se almacenan e distribúen a outras ONGs e centros asistenciais para garantir que a axuda chega aos que están máis preto. A fundación provincial de Vigo comezou a súa andaina no ano 1995 e, dende entonces e grazas ao traballo dos voluntarios, mantivo un aumento progresivo das súas actividades. Son os propios voluntarios os que se encargan da dirección, administración, xestión de recursos, aprovisionamento, control, almacenaxe, distribución e transporte. Así que, polo seu traballo e por todas as persoas que o necesitan, este Nadal non esquezas achegar o teu quilo de solidariedade.