DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta de Facultade acorda impulsar o docencia en galego, inglés e castelán

Química favorece a competencia lingüística dos seus alumnos coa aprobación dun Programa de plurilingüismo

Aspírase a impartir un terzo da docencia en cada unha das linguas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/06/2008

Química convértese na primeira titulación da Universidade de Vigo en apoiar en Xunta de Facultade un proxecto de Programa de promoción do plurilingüismo que ten como obxectivo crear as condicións para favorecer a aprendizaxe de competencias lingüísticas en castelán, galego e inglés no ámbito da química.
“Participar do programa é voluntario para os docentes, aínda que existe un certo consenso no profesorado dado que é un valor engadido á docencia”, apunta Luis Muñoz, decano da Facultade de Química que fai fincapé na importancia que para unha titulación como esta ten o dominio do inglés “trátase de que quen queira poda aprender química en inglés sen que lle custe máis, sen avaliar o inglés, se non a química que sabes ou non sabes”, aclara Muñoz.
No acordo adoptado en xunta de facultade apúntase que a utilización do galego non é cuestionable por que ademais de ser a lingua propia da Universidade de Vigo, é imprescindible para a mellor integración do estudante na sociedade. No caso do inglés a Xunta de Facultade xustifica a necesidade da súa aprendizaxe polo elevado volume de bibliografía escrita nesta lingua, así como pola maior mobilidade de profesionais e investigadores. “A química faise en inglés”, asegura Muñoz “a nosa é unha titulación cun nivel investigador moi alto no que se interacciona con países da UE e EEUU ao tempo que enviamos e recibimos estudantes do estranxeiro”, apunta o decano.
Para acadar o obxectivo de impartir un terzo da docencia en galego, un terzo en castelán e un terzo en inglés, a Xunta de Facultade sinala no acordo acadado que cómpre ter coordinación a nivel lingüístico dentro do centro, ademais da xa habitual coordinación metodolóxica e de contidos.

Comunicación a nivel básico en inglés

Coa finalidade de lograr a competencia dos alumnos en inglés, o achegamento dos estudantes á lingua realizaríase en dúas etapas. Nunha primeira de inmersión que se corresponde cos dous primeiros anos de estadía na facultade, traballarase a comprensión lectora e escritura. A segunda etapa ou de afondamento que se corresponde co terceiro ano e posteriores o alumno familiarizaríase coa lingua a nivel oral.
Entre os materiais e actividades docentes a empregar para a aprendizaxe das lingua están a guía docente, boletíns de exercicios, artigos de divulgación e científicos, traballos escritos, docencia presencial ou exposición de traballos.
Sobre a receptividade dos alumnos á ensinanza en inglés, Muñoz afirma que “cremos que o alumnos vai adoptar unha postura á expectativa, se non á defensiva. Por iso imos primeiro a traballar textos sinxelos en niveis baixos, para chegar nos cursos altos á comprensión e expresión oral”.
O programa comezará a facerse efectivo o vindeiro curso 2008/2009, e para participar nel os docentes deberán traducir a guía docente, utilizar material e propoñer lecturas en inglés.”Marcámonos dous anos para traballar comprensión escrita e empezar coa oral. Logo, revisaremos como se senten os profesores e alumnos. En calquera caso, os exames nunca serían en inglés, se non nas linguas oficiais, a menos que se chegase a un acordo”, sinala Muñoz.

Implantación do galego

A capacidade de comunicación cos países lusófonos e hispanófonos, apúntase desde a Xunta de Facultade como unha importante vantaxe competitiva que se deriva do uso combinado de galego e español.
Como no caso do inglés nunha primeira etapa de inmersión, correspondente aos dous primeiros anos de estadía na facultade, afondaríase no coñecemento do galego a nivel técnico, empregándose os mesmos materiais e actividades que no caso da aprendizaxe do inglés.
Pola súa banda os docentes que se acollan ao programa de implantación do galego deberán entregar a guía docente, utilizar todo o material para actividades, propoñer lecturas, elaborar material e impartir a totalidade da docencia, das materias que participen no programa, en galego. Así mesmo invítase aos estudantes a asistir a conferencias en galego ou portugués pronunciadas por investigadores e organizadas na facultade.

Vigo, pioneira

Das case corenta facultades de Química de España, ningunha a excepción de Vigo aposta por un Proxecto de programa de plurilingüismo. So a comunidade autónoma Canaria formula no decreto de regulación do ensino universitario que unha ducia de créditos de todas as titulacións se impartan en inglés. “Veño de estar na conferencia de decanos química e salvo Canarias non hai propostas concretas neste sentido. Eu teño claro que o Espazo Europeo de Educación Superior é mobilidade e require aprender idiomas”, afirma Luis Muñoz.