DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mostra que estará aberta ao público ata mañá venres no Museo Manuel Torres de Marín

Racionais ou irracionais? O alumnado de Belas Artes achega a súa visión do ser humano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 13/01/2011

Nin a época de exames lles quita tempo para levar a cabo actividades complementarias aos seus estudos, que no fondo son as que axudan a seguir mellorando e evolucionando como profesional. Así, cinco estudantes de cuarto de grao de Belas Artes, Lucía Graña, Candela Rajal, Osniel Iglesias, Mario Rick e Arkaitz Rodríguez, amosan os seus dotes artísticos na exposición 50% Irracional, afondando nunha visión arredor da figura do ser humano, tanto desde “un sentido crítico e social como desde o concepto e a poética da imaxe”, resaltou unha das alumnas.

A mostra, que estará aberta ao público ata mañá venres no Museo Municipal Manuel Torres de Marín, xorde como consecuencia dun traballo de clase e, como apuntou Lucía Graña “xuntámonos os cinco debido á afinidade en canto aos contidos das nosas obras e tamén pola influencia da relación persoal que existe entre nós”. Aínda que cada un conserva o seu estilo persoal, todas as pezas expostas teñen o mesmo fío condutor, a condición humana e de todo o que o rodea como referente, “apelando á sensibilidade do espectador a través dun punto de vista íntimo e persoal”, engadiron. O título 50% Irracional indica a porcentaxe de irracionalidade que os artistas consideran que o ser humano dispón, “fronte ao outro 50% de raciocinio que nos fai diferenciarnos dos animais”.

Cinco visións particulares

A alumna Lucía Graña inspírase no poemario Longa Noite de Pedra de Celso Emilio Ferreiro. Centrándose na temática da guerra e, a través dunha serie de fotogramas, quere reflectir “a angustia e soidade do ser humano a causa do peor dos conflitos sociais dunha forma figurativa e abstracta”, explicou a artista. Pola súa banda, Candela Rajal, apelando á poética visual, centra a súa achega desde dúas ópticas, unha coa exhibición dunhas fotografías en branco e negro “desde a intimidade e cunha perspectiva feminina” e, outra, coa mostra de ensamblaxes realizados con obxectos da vida cotiá. En ambos casos, trátase “dunha mestura entre delicadeza e desgarro, un xogo de poemas visuais que evidencian as contradicións dos sentimentos humanos”, en palabras da súa creadora.

En cambio, Osniel Iglesias ensina a parte máis negativa do ser humano, “erros que leva a cabo conscientemente, o que amosa que en realidade seguimos sendo animais por natureza”, apuntou. Mario Rick destapa os sete pecados capitais mediante unha serie de fotografías nas que foxe do evidente e opta por un camiño máis abstracto. Como aclarou o artista, “en todas hai un elemento que se repite que é o corpo humano e un obxecto novo que representa o pecado”. Por último, Arkatiz Rodríguez prefire botar man das pequenas cousas cotiás, “dramas de andar pola casa que saen de mirarse a un mesmo e aos que hai ao lado”, indicou.

A maior parte deste grupo de alumnos e alumnas, que se atopan no último ano do Grao en Belas Artes, expresan claramente o seu interese inxente polo mundo da fotografía, campo da arte co que se senten máis identificados. Mais, a alumna Candela Rajal destaca o seu desexo de aproximar a arte ao público en xeral, “xa sexa desde o ámbito educativo ou nun espazo expositivo”.