DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades enmárcanse dentro dun curso de Extensión Universitaria

Radares e rutas en bicicleta para mellorar a educación viaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 10/12/2007

No marco dos obradoiros do primeiro cuadrimestre, este ano impartiuse por primeira vez un curso de Educación viaria para a xuventude. Trátase dunha iniciativa que pretende un primeiro achegamento á comunidade universitaria dende o ámbito da prevención e formación viaria.
“Dende a Universidade propuxéronnos unha oferta para un curso de Extensión Universit, presentamos un proxecto e de aí xurdiu o obradoiro. A nosa sorpresa veu cando se cubriron todas as prazas no primeiro día de inscrición” comentou Angélica Ferro, monitora do curso xunto cos seus compañeiros da Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico PAT. A implicación da UVigo foi decisiva neste punto “fixeron un gran esforzo e contribuíron facendo que fora gratuíto e iso sempre axuda” explicou Angélica.
“A maioría dos asistentes proceden do ámbito educativo polo que están máis concienciados que a media coa temática pero o nivel de coñecemento é moi básico, non teñen demasiada formación así que pretendemos dotalos dela para que a leven á práctica na súa vida profesional” explicou Angélica. Este grupo de traballo da PAT leva funcionando dende 2004 con persoas a partir de 16 anos en diferentes actividades de concienciación e educación en institutos, escolas de pais e asociacións de veciños entre outras ademais de realizar campañas entre inmigrantes e outros grupos con risco de exclusión social. Tras as xornadas formativas de hai uns anos, o obradoiro é o primeiro proxecto organizado para a mocidade universitaria e polo de agora a valoración é moi positiva “estamos moi contentos coa resposta, tanto dos participantes como a nivel organizativo, xa que a colaboración da Universidade foi plena”.

Algunhas das actividades

O obradoiro non é un curso típico porque, aínda que conta con materiais didácticos para a súa análise, é eminentemente práctico e centrado na vertente da educación viaria que máis pode interesar aos participantes. Entre as múltiples actividades realizadas destaca especialmente a instalación dun radar cedido pola Guarda Civil dentro da cidade. Ourense é unha das 4 capitais de provincia españolas que non conta con ningún radar fixo no casco urbano e a experiencia piloto serviu para analizar o comportamento dos condutores que superan, e con moito, os límites de velocidade establecidos. Os propios alumnos, manexando o aparato preto dun paso de peóns, sorprenderon a un coche circulando a 120 kilómetros por hora, máis do dobre do permitido. “Estes datos serán posteriormente tratados para extraer conclusións a nivel legal, do tipo de multas que terían, e social, da inconsciencia que estes comportamentos supoñen” comentou a monitora.
Outra das actividades previstas enmárcase dentro da iniciativa do Concello para o préstamo de bicicletas, Enbíciate. Nun taller teórico previo crearase a ruta máis segura dentro da cidade e á volta do Nadal os propios alumnos levarana á práctica sobre dúas rodas na última xornada do curso, que remata o 16 de xaneiro.