DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se desprende da tese de Joao Paulo Meneses

A radio musical, en crise polos hábitos de consumo da xuventude

A dixitalización permite que os oíntes se convertan en produtores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 15/12/2008

Ningún dos fundadores teóricos da radio preveu un servizo informativo ou musical que se puidese servir á carta, segundo as demandas dos usuarios e sen contar coa mediación dos xornalistas; pero agora a dixitalización formula retos ata hai poucos insospeitados a este medio de comunicación. Neste contexto sitúase a investigación de Joao Paulo Meneses, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Daniel Martí, que presenta un triplo contexto de crise para a radio: como tipo de negocio e como modelo de medio de comunicación pero tamén como concepto en si mesmo. E é que a dixitalización permite que os oíntes se convertan en produtores nos seus pequenos dispositivos portátiles –co iPod como paradigma- e pon en cuestión o sistema e concepto de medio de comunicación. Con esta toma de poder, o intermediario informador perde control sobre o produto emitido e sobre a selección temática.

¿Que é radio?

Cunha transformación tan profunda, Meneses chega a formular se estes novos servizos poden ser considerados “radio” cando as características que a definen- contido sonoro, o papel do gatekeeper, emisión para ser oído por moitos ao mesmo tempo e de xeito pasivo- derivaron en múltiples canais con capacidade de personalización, control e elección ademais de contidos visuais asociados.
E é que coa radio musical compite calquera lector dixital de audio, pero moi especialmente o iPod que dá nome á xeración dos nacidos “entre 1973 e 1992, interesados e ben relacionados coas tecnoloxías, consumidores activos e creativos que rexeitan a emisión sincrónica e son intolerantes coa publicidade” que crean as súas propias listas de reprodución e cos que a radio convencional non é quen de converxer nos novos soportes.
Do outro lado, os novos servizos de Internet, que aínda non teñen 10 anos cumpridos e que “queren chamarse radios pero, corrixidas por Internet sen os defectos e trabas das ‘antigas radios’”. Servizos como o que ofrece Pandora en Estados Unidos marcan o presente do consumo musical individual xa que permiten acceder a “toda a música, moita da que xamais escoitáramos falar, o descoñecido e o independente canda os grandes éxitos comerciais”. Sen embargo Meneses amósase prudente en asinar o triunfo de estas “radios” en Europa porque “as fronteiras legais dos países europeos fan case impensable un acordo que permita unha oferta similar á estadounidense”.

Primeiros signos de cambio

Aínda que se atopa nun momento de cuestionamento case existencial, na radio xa se perciben algúns signos de cambio entre os que Meneses sinala “as canles temáticas dirixidas a nichos específicos ou os produtos prefabricados expostos á descarga segundo a dispoñibilidade de tempo e interese do usuario”. Algo que apunta a que, aínda que son os consumidores os que teñen a última palabra, “a radio non ten por que morrer” se ben debe aprender a convivir con produtos e aplicacións musicais e remover os modos consolidados cara unha “terceira vida”.
Este novo xiro, anuncia tamén a necesidade de reestruturar “as rutinas investigadoras” que resultan “insuficientes” para o tratamento analítico de públicos dixitais e a interpretación dos usos dos internautas.