DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Callón presentou en Ourense o seu libro "En castellano no hay problema"

Unha radiografía descarnada da realidade da lingua en máis de 250 páxinas

O vicerreitor Iván Area subliñou a capacidade da obra para xerar pensamento crítico

Etiquetas
  • Ourense
Raquel Feijóo DUVI 28/05/2010

Asegura Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que hoxe en Galicia non hai problema para poder vivir en castelán, “sen embargo o idioma propio e natural da nación galega continúa erradicado nos ámbitos de poder e prestixio sen que haxa motivos racionais que sustenten esta discriminación”, declara. Dende o ano 1997 ata hoxe Callón publicou diferentes artigos na defensa do galego, uns escritos que, segundo explica, “van dende reflexións nas dúas últimas lexislaturas de Manuel Frata ata unhas achegas, xa con máis vagar, á que foi a política lingüística do bipartito e á que se está a producir no comezo do mandato de Alberto Núñez Feijóo”.
Pois ben, o presidente da Mesa compilou agora eses escritos no libro En castellano no hay problema, unha obra editada por Xerais e que sae ao mercado cun claro obxectivo subliñado polo seu autor: provocar reflexións. Nas súas palabras, “a obra amosa a importancia de que cada falante se active e solicite o dereito a poder vivir en galego nos diferentes ámbitos”. Unhas declaracións apoiadas por Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais en funcións da Universidade de Vigo, que situou a importancia da publicación “na súa capacidade para xerar pensamento crítico nos debates sobre lingua e futuro, nos debates galegofóbicos”, sinalou.

Análise da situación lingüística do noso país

Carlos Callón presentou o libro este xoves en Ourense no transcurso dun acto ao que asistiron tamén o vicerreitor Area; Manuel Bragado, director de Xerais e Susana García, da Mesa pola Normalización Lingüística en Ourense. Explicou o autor que na obra hai un esforzo por transmitir unha análise da situación lingüística do noso país e recoñeceu que o resultado “é unha radiografía descarnada, máis non catastrofista, xa que parte da convicción de que hai que coñecer a realidade para transformala”, asegura.
Os textos do libro invitan ao lector a reflexionar sobre a realidade da lingua e isto foi, precisamente, o que sucedeu no acto de presentación da obra. O vicerreitor Area explicou brevemente cinco problemas, “cinco auténticos retos da humanidade”, e fíxoo en galego: as ecuacións de Navier-Stokes, o bosón de Higgs, a enerxía do futuro, o capitalismo e os paraísos fiscais e a demora do Tribunal Constitucional para resolver o Estatut de Cataluña, para facer especial fincapé no feito de que a nosa lingua serve para moito máis que para dirixirnos a cans, pitas e cochos. “Empregarémola todos os días do ano para falar cos que pretenden levar adiante unha nova doma e castración. Mais alén de empregar a nosa lingua oficial para falar con todos estes especimes, tamén a empregaremos na ciencia”, declarou.

O decreto do plurilingüísmo

Carlos Callón, pola súa banda, asegurou que, na actualidade, “somos a lingua que máis falantes perde do Estado español”, revelou que “non hai uns mínimos para poder falar en Galicia dunha situación de igualdade” e fixo especial referencia ao decreto do plurilingüismo da Xunta como “un intento de escribir a lápida do noso idioma”. Para o presidente da Mesa o actual Goberno galego “está a levar adiante unha política agresiva a peito descuberto pero estanlle a saír as contas furadas porque o que están a conseguir con esta política de andar a patadas co noso idioma é que moitas persoas que tiñan a conciencia do idioma adormecida esperten e se mobilicen na súa defensa”, explica. Unha liña argumental defendida tamén por Iván Area. Segundo as súas palabras, “a sociedade galega entende que o camiño emprendido non resolve o problema, mais ben todo o contrario. Toca, xa que logo, explorar outras vías, outros camiños, outras opcións políticas.”
Nesta contorna, Callón cre necesario “activarse máis ca nunca na defensa do noso idioma” e adiantou que dende o colectivo que preside están xa a estudar algunhas medidas a levar adiante neste senso. Entre elas citou a realización de campañas animando ao alumnado a utilizar o galego con normalidade e o chamamento ao profesorado para que desobedeza a norma porque, segundo explicou, “desobedecer o decretazo significa obedecer a Lei de Normalización Lingüística, o Estatuto, a Constitución Española e a Carta Europea das Linguas”.