DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres profesores da Universidade participan nun libro que analiza os comicios autonómicos do 2012

Radiografía do sistema electoral galego

Neste volume abórdanse cuestións como a proposta de redución do número de deputados

Etiquetas
  • Pontevedra
Eduardo Muñiz DUVI 09/12/2013

Co “rigor dos datos” como base e cos resultados dos comicios autonómicos do pasado ano como punto de partida, o libro Análise das eleccións autonómicas galegas do 21 de outubro de 2012. Reflexións sobre o sistema electoral, coordinado polo profesor da Universidade de Vigo, Fernando Martínez Arribas, articula en cinco relatorios unha reflexión sobre o funcionamento e as “peculiaridades” do sistema electoral en Galicia, abordando cuestións que, un ano despois das eleccións, se manteñen na máis candente actualidade, como a proposta de reforma da lei electoral para acometer unha redución do número de deputados na cámara autonómica.

Integrado polos relatorios dun curso de extensión universitaria que tivo lugar no Centro Asociado de Lugo da UNED poucos días despois das eleccións do 21-N, este volume publicado por Andavira Editora e con prólogo de Antonio Torres del Moral afonda dun xeito “facilmente entendible” en “aspectos básicos” para a comprensión do sistema electoral galego a través do punto de vista dos seus cinco autores; os profesores do Grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo Enrique Varela Álvarez, Álvaro López Mira e o propio Martínez Arribas; o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio-Carlos Pereira Menaut; e o xornalista Anxo Lugilde.

Unha reforma electoral que aumenta a “desproporcionalidade”

Unha das cuestións abordadas no libro que se mantén máis de actualidade é a proposta de reforma da lei electoral formulada polo PPdeG no treito final da pasada lexislatura e que, tras non levarse a cabo por mor do adianto das autonómicas, semella agora “algo inmediato”, como apuntou en rolda de prensa o coordinador deste volume, Fernando Martínez Arribas, quen centra neste tema precisamente o seu relatorio.

Como destaca este profesor da Área de Ciencia Política, a reforma proposta polo PPdeG parece centrarse “simplemente en reducir o número de deputados” de 75 a 61, pero mantendo o mínimo actualmente vixente de 10 escanos por provincia, o que ao seu xuízo contribuirá a que aumente a “desproporcionalidade” existente no que popularmente se describe como “o que vale un voto” nas provincias de A Coruña e Pontevedra fronte as menos poboadas Lugo e Ourense. De feito, explicou que a proposta de redución trasladada ao último Debate do Estado da Autonomía implicaba que as provincias atlánticas perdesen cada unha cinco deputados, mentres que o número de escanos en Lugo e Ourense descendería en dous en ambos casos.

Por iso, Martínez Arribas defende neste Análise das Eleccións Autonómicas Galegas a necesidade de que a revisión do número de deputados contribúa a “corrixir” esa “desproporcionalidade”. Mais ao mesmo tempo, tamén incide na importancia de que as reformas electorais, que supoñen unha “modificación das regras do xogo”, se leven a cabo cun “consenso amplo”.

Os “regalos do sistema electoral”

Nunha liña similar pronunciouse Álvaro Xosé López Mira, quen entende que a modificación dun sistema electoral “nunca debe apoiarse nunha maioría absoluta”. Conclúe este profesor tamén que a “desproporcionalidade tendería a agravarse” coa proposta formulada polo PPdeG, unha proposta que, ao seu xuízo, beneficiaría “a priori” ao partido “responsable da reforma”.

López Mira centra o seu análise das eleccións galegas nos “aspectos técnicos” do sistema electoral, cuestións que como el mesmo recoñece resultan “ás veces dificilmente comprensibles”, pero que ao mesmo tempo teñen unha incidencia directa na resposta do electorado. Neste senso, afonda no seu relatorio na “mentira” de que o galego sexa un “sistema electoral proporcional”.

Concretamente, López Mira fixo referencia ás variacións entre número de votos e número de escanos, para o que puxo como exemplo as dúas maiorías absolutas que o PP logrou no Congreso dos Deputados, no 2000 e no 2011, nas que con, aproximadamente, o 44% dos votos obtivo o 53% dos escanos. De aí que este profesor conclúa que se produciu un “regalo do sistema electoral de oito puntos porcentuais”, o que, “traducido a votos é un regalo de dous millóns de votos”.

Esta mesma variación trasládaa tamén ao ámbito autonómico para concluír que o “sistema electoral lle regalou case nove puntos porcentuais” ao PPdeG o 21 de novembro, posto que obtivo o 54% dos escanos, explica, co 45% dos votos.

A incidencia do “partido da abstención”

Enrique Varela Álvarez pola súa banda, centra o seu relatorio en tentar coñecer se as eleccións do pasado do 21 de novembro supuxeron en Galicia “a fin do tripartidismo” despois de dúas décadas nas que o parlamento estivo ocupado por tres “forzas hexemónicas”: PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG.

“O dato é que entraron novos grupos –a coalición AGE– que romperon ese bloqueo”. Mais, como deixa claro Varela, os resultados do pasado ano non son máis que un punto de inicio dunha tendencia que podería “ir a máis ou a menos”. E como variable importante para o que poida acontecer en próximas citas coas urnas, apunta á importancia do que chama o “partido da abstención”, que cre determinante para que esa “hipotética fin do tripartidismo colla forza”.

Porque neste “partido da abstención”, Varela suma ao 5% aproximado de votos nulos e en branco emitidos nos últimos comicios unha abstención do 45%, xa que entende a renuncia a acudir ás urnas debe ser comprendida como un elemento máis do sistema electoral, que responde “cada vez máis a un elector cívico” que adopta a decisión de non participar. Como síntese, Varela apuntou que ese concepto do “partido da abstención” viría sendo equiparable a aproximadamente un 50% dos votos, unha porcentaxe superior á lograda –con respecto a totalidade de poboación con dereito a voto, non dos votos emitidos– polos “grandes partidos” en conxunto.