DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o tema da exposición de "mail art" inaugurada hoxe na Biblioteca Central do campus de Pontevedra

"Radiografías do medo" tendidas como roupa a secar para liberarse das emocións

Con pezas de 137 artistas recibidas por correo de 23 países diferentes, permanecerá aberta ata o 5 d

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 19/01/2010

Recoller a correspondencia sempre xera incerteza antes de abrila, será unha boa ou unha mala nova? Serán as facturas do teléfono ou do banco? E se é unha obra de arte? Iso é o que se propuxo a biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña en colaboración coa Biblioteca Central do campus de Pontevedra, facer unha convocatoria masiva e internacional para recibir pezas de mail art por correo postal sobre un mesmo tema, o medo. A iniciativa comezou en maio de 2009 e xuntaron obras de 137 artistas de 23 países diferentes, que agora se poden ver reunidas na exposición Radiografías do medo. Desde hoxe e ata o vindeiro 5 de febreiro permanecerá aberta ao público na Biblioteca Central do campus de Pontevedra.
A proposta púxose en marcha en maio do 2009 e, co obxectivo de atraer a creadores de todo o mundo, promoveuse en Internet, a través de redes e canles de comunicación que empregan os mailartistas, en foros, en listas de correo electrónico, en páxinas web especializadas en mail art, etc. A promotora da idea, Inma Doval, bibliotecaria da Facultade de Ciencias da Educación coruñesa, sinala que axiña comezaron a recibir cartas. “Foi moi emocionante abrilas e vir que viñan de sitios como Xapón ou Finlandia, porque estamos acostumados á que á biblioteca só cheguen facturas”, relata.

Exposición virtual a través de Flickr

Decidiron crear tamén un wiki con toda a información precisa e un Flickr con todas as obras que se ían recibindo dixitalizadas, “para que os artistas puidesen saber do seu paradoiro”. O Flickr, agora que está rematado o proceso, funciona como unha exposición virtual, na que se pode ver o resultado final, esas 137 pezas da mostra chegadas, ademais de España, de México, Alemaña, Arxentina, Xapón, Portugal, Uruguai, Turquía, Siria, Venezuela, Estados Unidos, Gran Bretaña, Finlandia, Romanía, República Checa, Noruega, Italia, Grecia, Chile, Canadá, Brasil, Bélxica e Austria.

Unha emoción universal

Segundo Inma Doval, quixo buscarse un tema relacionado coa educación, pero que fose “suxestivo para os artistas e alentara a súa creatividade e non algo xa manido do tipo educación para a igualdade”. Elixiuse o medo “porque todas e todos o sentimos e pode ser positivo ou negativo, segundo nos impida seguir ou nos faga reflexionar e manter a cautela ante un perigo”, explica Doval. Destaca, ademais, a presenza do medo na filosofía, na literatura, na psicoloxía e na educación. Comparten esta visión os coordinadores da mostra na Biblioteca Central pontevedresa, Héctor Castro e Manolo Morquecho, que salientan que o medo “é unha emoción universal coa que todo o mundo se sente identificado”. Por iso decidiron facer unha montaxe na que as obras están penduradas “como roupa tendida a secar” para que calquera que visite a mostra poida reflexionar sobre os seus propios medos e liberarse deles.
No relativo ao obxectivo xeral da exposición, Castro e Morquecho apuntan á idea da biblioteca como “dinamizadora cultural e centro de actividades, cunha compoñente lúdica, e non só como un lugar de estudo”. Con iniciativas deste tipo tentan aproveitar o público fiel que teñen, “algo do que carecen outras entidades culturais”, e ao mesmo tempo atraer tamén xente de fóra da comunidade universitaria. Son outros obxectivos da exposición establecer un diálogo entre a educación e a arte, abrir unha vía de colaboración entre bibliotecas afíns, espertar a creatividade e facilitar a comunicación non verbal”.

A evolución do mail art desde o dadaísmo ata hoxe

No seu informe sobre a exposición Inma Doval fai un percorrido histórico pola evolución do mail art. Nace nos anos 60 coma unha necesidade de comunicar, á marxe da cada vez maior comercialización e mediatización da arte. Un dos seus impulsores foi o artista norteamericano Ray Johnson, integrante do movemento Fluxus, que retomou o labor que comezaran algún artistas a principios do século XX, entre outros, dadaístas como Tristan Tzara ou Marcel Duchamp e futuristas como Marinetti e Giacomo Balla. En 1962 Johnson creou a New York Correspondence school, a primeira escola de mail art.
A iniciativa comezou por utilizar o correo postal como principal canle de expresión artística. Neste sentido, o único obxectivo do artista é comunicar e chegar directamente ao público, seguindo o seguinte principio: “non venda das obras, non selección nin xurados, non se rexeita nada, non hai críticos, nin censura, prima só a liberdade de expresión”.
Nos anos 70 comezaron a intercambiarse as primeiras listas de direccións de correos e fíxose algunha exhibición. Pero foi nos 80 cando acadou un maior espallamento. Nos anos 90, coa aparición de Internet comezou a súa gran difusión, algo xa imparable, con numerosos foros e exposicións virtuais.