DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa figura e obra centran o V Congreso Internacional Roa Bastos de Literatura

Rafael Barrett, un español que revolucionou o panorama cultural paraguaio a comezos do século XX

Ata o vindeiro venres Vigo acollerá tres intensas xornadas de conferencias e debates

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 01/12/2010

Descoñecido para a meirande parte do público, Rafael Barrett, autor polifacético nacido en Torrelavega hacia 1870, converteuse tras a súa chegada a Paraguai a comezos do século XX nun revolucionario do pensamento do país que deu lugar a unha modernidade artística fundamental na súa evolución cultural. Esta é unha das razóns polas que Barrett protagoniza a quinta edición do Congreso Internacional Roa Bastos de Literatura que por primeira vez se celebra en Vigo, “algo moi salientable que hai que agradecer a Carmen Luna, profesora da Universidade, e á investigadora brasileira Alai Diniz”, subliñou Rosa Pérez, decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, que se mostrou encantada de que eventos deste nivel se celebren en Vigo.

Á súa chegada a Paraguai en outubro de 1904, Rafael Barrett non era aínda consciente de que acababa de atopar o seu lugar definitivo no mundo e de que chegaría a converterse no descubridor da realidade social do país, así como nun “escritor de altísimos quilates, tal como se empeza a recoñecer hoxe”, segundo explicou Miguel Ángel Fernández, profesor da Universidade de Asunción, ao longo da conferencia inaugural. O certo é que tras unha etapa na que a súa obra caeu no olvido, o autor paraguaio Roa Bastos, galardoado en 1989 co premio Cervantes, “recuperou a figura de Barrett reivindicando o seu compromiso social e o súa importancia na creación da narrativa do país latinoamericano”, apunta a profesora Carmen Luna, organizadora das xornadas.

Pese á súa orixe aristocrática, Barrett optou por dedicar a súa vida á defensa dos oprimidos e dos explotados a través dunha obra divulgada principalmente a través dos xornais da época, posto que só chegou a publicarse un dos seus libros. En 1908, logrou reunir datos necesarios para denunciar as condicións de vida esclavistas que se daban nos campos de mate do país o que “lle acarreou numerosos problemas, chegando as autoridades a prohibirlle falar do tema”, tal como sinalou Fernández. A partir deste momento tivo que usar o panfleto como medio para expresar o seu pensamento, gañándose o desprezo dos intelectuais da época e a expulsión a Brasil. En definitiva, “culto e sensible, home de coraze, Barrett non ceseu no seu empeño de denunciar a miseria das clases explotadas para reivindicar a igualdade social e a mellora das condicións de vida”, conclúe Fernández.

Homenaxe a Roa Bastos

A orixe deste congreso sitúase no ano 2005, coincidindo co pasamento de Roa Bastos. O autor estaba convidado por Alai Diniz, profesora da Universidade Federal de Santa Catarina, a asistir a un simposio sobre literatura hispánica, pero “motivos de saúde fixeron imposible que acudise e para desculparse escribiu unha carta na que instaba a manter unha colaboración constante entre os países latinoamericanos para traducir as obras do portugués ao guaraní ou ó español e viceversa”, segundo palabras da investigadora brasileira, que decidiu pór en marcha o congreso como unha homenaxe ao escritor falecido.

Partindo deste punto, a traxectoria itinerante de Bastos fai que sexa obrigado que en cada unha das súas edicións, o evento se traslade a diferentes puntos, tocándolle o turno para o ano vindeiro á Amazonia.

Tres expertos para tres xornadas

Ata o próximo venres, o Centro Cultural Caixa Galicia acollerá unha serie de conferencias plenarias impartidas por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito dos estudos de literatura paraguai e latinoamericana e particularmente das obras de Roa Bastos e Rafael Barrett. Ademais das achegas de Alai Diniz e Miguel Ángel Fernández as xornadas contarán coa participación do profesor da Universidade de Lleida Paco Tovar, “un investigador do máis alto nivel que ten publicado estudios de referencia para todos nós”, explica Carmen Luna.