DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación da Semana de Cine Submarino

Rafael Herrero presentou en primicia o seu documental "Mar de Nadie"

A peza ofrece unha visión diferente do mar, dende a perspectiva artística

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/11/2008

No marco da programación da Semana de Cine Submarino, a Facultade de Ciencias do Mar acolleu a estrea en primicia do documenta Mar de nadie, do realizador Rafael Herrero Massieu. Segundo destacou o decano da facultade, Jesús Souza, “hoxe podemos asistir a estra proxección en exclusiva” e deu as grazas aos organizadores por “contar todos os anos con este centro como marco da programación do ciclo”.
Herrero é mergullador profesional, naturalista e cámara ao tempo que dirixe AQUAWORK, unha produtora dedicada a estudos ambientais e documentais submarinos. Mar de nadie é o proxecto máis ambicioso desta produtora que ofrece, ao longo de oito capítulos, unha visión diferente do mar cunha marcada perspectiva artística na que conflúen imaxe, texto e música. Segundo o seu autor, “estamos acostumados a que nos amosen a cara amable do mar, pero tamén hai outra cara da que debemos ser conscientes”, a da contaminación e a destrución dos hábitats mariños. Este é o contras da peza audiovisual que non ofrece unha viaxe dende o fondo ata a superficie, unha viaxe no tempo e na evolución e unha viaxe a prol da conservación do medio mariño.
Todas as imaxes do documental foron rodadas nas Illas Canarias, agás o peche final que corresponde ás costas do Sáhara Occidental. Nel converxen unicamente o son e as imaxes dun macho de foca monxe, “unha especie xa extinguida na costa canaria”, segundo explicou o propio Herrero, para que os espectadores gocen “da música do mar”.

A beleza como protagonista

A creatividade e a beleza son, xunto ao propio mar, as verdadeiras protagonistas deste documental, que se estreará oficialmente en Canarias no vindeiro mes de decembro. A peza comeza cun primeiro capítulo no que se resume, en seis minutos, a orixe do universo ata a aparición do home. De seguido, Azul e lonxe recolle a beleza do mar ao ritmo do preludio de Verdi. Pola contra, Autodestrución presenta a deterioración masiva que sufre o medio mariño pola acción do home con imaxes da contaminación, os vertidos, o mar como vertedoiro ou mesmo o Prestige. O seguinte capítulo convértese nun conto de fonda mensaxe ecolóxica que ofrece un percorrido pola beleza dos fondos mariños. Pola súa banda, Mar de Canarias arranca con imaxes ne 3D das illas e viaxa ata os fondos abisais cos datos dos barcos oceanográficos da Mariña seguido dun refacho de 170 especies a modo de caixa de música. Eu son presenta a un mar todopoderoso que amosa todo o seu potencial. Resurrección é a continuación do capítulo anterior, “o máis creativo segundo Herrero que recolle a chegada dun novo home que é quen de acadar unha relación harmoniosa co mar”. O peche une as imaxes da foca monxe coa música para proxectar o son do mar que envolve o soño deste animal.
A Semana de Cine Submarino continúa mañá xoves coa proxección de O abismo do Amazonas de Andy Byatt e José Antonio Romero, invitados que na sesión de tarde no Centro Cultural Caixanova presentarán Océanos e o making-off da serie Planeta Tierra.