DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo García, tamén do equipo da Universidade de Vigo, foi terceiro

Rafael Rodríguez e Daniel Vila, novos campións galegos absoluto e Sub-16 de Xadrez

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/04/2009

Acadar seis puntos e medio de sete posibles, permitiu ao Mestre Internacional vigués, Rafael Rodríguez, proclamarse esta Semana Santa en Padrón, Campión Galego de Xadrez. O xogador do Universidade de Vigo logrou seis vitorias, un empate e ningunha derrota nun campionato no que o capitán do equipo, Pablo García logrou o bronce, por detrás de Diego Espiñeira do Padrón que se proclamou subcampión.
“Estes resultados”, asegura Pablo García, “manteñen a liña do ano pasado e confirman que o Universidade de Vigo está á cabeza do xadrez galego, tamén na base”. E é que ademais de lograr un primeiro e un terceiro posto na categoría absoluta, o equipo universitario, tamén acadou tres dos catro primeiros postos no Campionato Galego Sub-16, no que Daniel Vila e Rubén Alonso, proclamáronse campión e subcampión, respectivamente e Samuel Palacios, tamén do Universidade de Vigo foi cuarto. Pablo García que amosou a súa satisfacción polos resultados acadados, asegura sentirse especialmente contento polo título de Rafael Rodríguez “que tras unha mala racha, acada un resultado moi importante que sen dúbida serviralle de ánimo”.
Pola súa banda, Manuel Pena, acadou o oitavo posto no XXXII Aberto Internacioanl de Xadrez Cidade de San Sebastián, o que lle permitiu sumar seis puntos e medio dos nove posibles e situarse a só medio punto da súa segunda norma de Gran Mestre Internacional.

Próximos retos para un grupo moi cohesionado

Preguntado polo segredo dos éxitos acadados polo equipo universitario, o seu capitán asegura que “o traballo é sen dúbida a clave”, pero sen esquecer que “temos un grupo de traballo que é unha auténtica piña, no que todos progresamos e no que hai moi bo ambiente”. Uns resultados que tamén se deixan notar, segundo Pablo García, no crecente interese o xadrez esperta entre a xente, incluída aquela que o practicou nalgunha ocasión e logo o deixou. “Temos recuperado para a práctica a persoas que xogaban ao xadrez, deixárono e agora volven. Ademais hai outras persoas que se queren iniciar no xogo e xa nos coñecen, sobre todo a través da prensa”.
Acadados os campionatos galegos absoluto e Sub-16, a vindeira fin de semana volta a Liga para o equipo escolar que está empatado no segundo posto a tres puntos do líder. O equipo vigués enfrontarase ao Xadrez Ourense, no será o penúltimo partido da Primeira División Galega.
Ademais comeza a preparación para a Final a Catro, cuxas semifinais disputaranse o 25 de abril e a final o 9 de maio. “Un reto difícil”, asegura Pablo García “no que será complicado superar a un Marcote moi reforzado con xogadores da elite internacional”.
Mentres, a comezos do mes de maio disputarase en Pamplona o Campionato de España de Seleccións Autonómicas no que Galicia estará representadas ademais de por Rafael Rodríguez por Manuel Pena, Roberto Páramos e Pablo García.