DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da University of Iceland defendeu as súas teses en Ciencias Económicas e Empresariais

Ragnar Arnason augura unha revisión “conservacionista” dos acordos pesqueiros internacionais

Recoñeceu que economistas de moitos países están "expectantes" sobre o que pode supor Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 12/04/2011
Ragnar Arnason, profesor da Universty of Iceland, defendeu este martes no ciclo de conferencias do Campus do Mar a aplicación de políticas “aínda máis conservacionistas” para manter o “óptimo económico” na explotación das pesqueiras. O profesor, experto mundial no estudio das consecuencias do quentamento global na pesca, asegurou que “a creación de dereitos debe actuar como un incentivo para a conservación do recurso”.

Presentado pola profesora Dolores Garza, Arnason recoñeceu a probabilidade de que se produzan cambios no crecemento da biomasa, o que significaría modificacións “na localización e capturabilidade dos stocks de peixe de interese comercial” e o que, á súa vez, aumenta a incerteza e o risco, polo que os acordos internacionais, “vanse volver insostibles e deberán ser renegociados”, cara a políticas máis proteccionistas.

Nese eido, o economista islandés afirma que a definición de dereitos de pesca pode conducir non só á ganancia de rendas, senón tamén a unha mellor conservación dos recursos, “na medida en que implica un incremento de valor para o futuro”. Porén salientou que, a partires desta idea xeral, cada caso debe ser estudado “tendo en conta os seus datos específicos” nun escenario no que aumenta paulatinamente o risco de colapso como consecuencia do cambio climático, tal e como explicou en base a súa experiencia no desenvolvemento da política pesqueira no seu país.

No caso de Islandia, e en xeral en todo o Atlántico Norte, o quentamento global afectou tanto as pesqueiras peláxicas, con especies como o atún a sardiña ou o peixe espada, como as demersales, que inclúen aos crustáceos pero tamén ao mero ou ao róbalo. Iso provocou que tivesen que reestructurar a súa política para desenvolver ITQs, Cuotas Individuais de Pesca, algo que xa está a demandar o sector en España por consideralo, vista a experiencia no país nórdico, como máis eficiente.

O Campus do Mar, un proxecto cargado de expectativas

Arnason recoñeceu que o Campus do Mar é “un moi, moi bo proxecto, dos primeiros que lle dan importancia á pesca”, asegurou. O profesor islandés, especializado no estudo de recursos pesqueiros e a súa evaluación, salientou a necesidade de “desenvolver os recursos, aumentar os estudos, doutoramentos ou mestrados sobre o mar, en todas as súas vertentes”. Ademais, sinalou que “Galicia é o lugar axeitado” para a súa localización, debido a súa gran tradición. Por iso confía nos froitos que poida xerar. De feito, recoñeceu que “economistas de moitos países están expectantes sobre o que pode supor este proxecto, non só en Europa, senón tamén en América”, afirmou.