DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ramón Piñeiro e o Fronte Cultural Galaxia centran o ciclo “Visións de Galicia”

Organizado polo Liceo de Ourense e a Vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 18/05/2009

O Liceo de Ourense acolle estes día a sétima edición do ciclo de conferencias Visións de Galicia, que este ano estará dedicado ao homenaxeado no Días das Letras Galegas baixo o título Piñeiro e o Grupo Galaxia. Estas xornadas veñen a ilustrar e dar conta do traballo que realizaron distintos persoeiros galegos nas etapas máis represivas e escuras do século XX e cuxas contribucións fixeron da nosa comunidade o que é hoxe. Ricardo Carballo Calero, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, integrantes do grupo de Galaxia, serán os protagonistas dos relatorios nesta edición.
Este ciclo vense a sumar á colaboración habitual que manteñen o Liceo e a Vicerreitoría do campus “que se materializa nestas conferencias e nos xa celebrados Encontros Literarios”, explicou José Luis Troitiña, xerente do Liceo. Esta iniciativa, que leva ás súas costas sete edicións, naceu coa idea de lembrar “a aqueles que tempo atrás pensaron Galicia”. Con este obxectivo varios expertos no tema ofrecerán relatorios “lembrando a eses persoeiros do século XX que cos seus ideais construíron a nosa comunidade”.
Ricardo Carballo Calero, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro López, integrantes do grupo de Galaxia, serán os protagonistas dos relatorios nesta edición, que “principiaron o venres e continúan ao longo desta semana”. Este luns 18 é a quenda da conferencia de Carlos Fernández que falará do ensaísmo na Xeración Galaxia. Para o martes e o venres agardan dous novos relatorios, o 19 sobre o autor ao que se lle dedicou o Día das Letras, Ramón Piñeiro, e o 22 arredor do perfil intelectual de Carballo Calero, que chegarán, respectivamente, da man de Manuel González e Henrique Monteagudo. Todas as conferencias terán lugar na Aula de Cultura do Liceo a partir das 20.15 horas.

Xeración Galaxia

Tanto Carballo Calero, como Fernández del Riego e Piñeiro participaron de xeito máis ou menos directo na creación e orientación da editorial Galaxia, o chamado Fronte Cultural Galaxia, agrupación que deu lugar a un novo rexurdir da cultura galega. Dende a clandestinidade, comprometidos cos ideais do galeguismo e esquivando a ollada censuradora da represión, os integrantes deste fronte puxeron o seu empeño na creación ensaística en ámbitos como a lingua, a literatura, a filosofía, a arte e moitos outros. Esta agrupación mantivo un forte vínculo coa herdanza ideolóxica e cultural do Grupo Nós e iniciativas como a colección e a revista Grial, que aínda continúan activas hoxe en día, perseguen a restauración da normalización lingüística e cultural e alentan o movemento galeguista, tratando de transmitir o compromiso coa realidade sociocultural ás novas xeracións. O seu labor entusiasta deu lugar a múltiples obras que conforman o noso patrimonio cultural.