DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha relación de 2000 institucións mundiais analizadas sitúase no posto 676

O ranking SCImago confirma á Universidade na decimoquinta posición nacional en produción científica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/10/2009

O interese social e a competencia son dous dos factores que poden axudar a entender o porque da profusión nos últimos anos dos rankings que ordenan ás universidades en función de diferentes indicadores. Precisamente a correcta definición destes elementos a medir, así como a súa significación e a rigorosidade na elaboración, determinan a calidade dun ranking e evitan erros sobre os que se constrúen imaxes das institucións académicas que non se axustan á realidade.
Baseado nos datos de Scopus, unha das dúas bases de datos científicas máis usadas no mundo, o SCImago Institutions Rankings (SIR): 2009 World Report, é un informe mundial que estuda a produción científica máis de 2000 institucións e organizacións de 84 países agrupadas en cinco sectores: centros de educación superior, entidades públicas de investigación, centros biosanitarios, empresas e outros. O ranking, desenvolvido por un grupo conformado por investigadores do CSIC e as universidades de Granada, Estremadura, Alcalá de Henares e Carlos III, confirma o posto decimoquinto da Universidade de Vigo no conxunto das máis de 70 institucións académicas españolas analizadas. Un lugar que coincide co do Ranking 2008 en produtividade en investigación das universidades públicas españolas, elaborado pola Universidade de Granada e que supera en dous postos ao 17º no que a institución viguesa quedaba situada no Raking de Calidade das Universidades Europeas 2008 publicado pola Universidade de Leiden que mide o número e o impacto das publicacións nas revistas científicas máis relevantes durante o período 2003-2007.
“Creo que é unha boa noticia que fai xustiza á aposta pola calidade que desde hai anos se fixo nesta Universidade”, asegura o reitor Alberto Gago que tamén sinala que “estes resultados de produción científica son os esperados xa que inciden noutros resultados previos que nos situaban nesa posición”. Unha opinión compartida pola vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, que ademais de valorar este resultado "de xeito moi positivo” contrapón o rigor do ranking SCImago con outros “mal elaborados e que fan moito dano, aínda que intentes explicar que a túa universidade non está nos postos que esas relacións lle outorgan”.
Para evitar esta situación tanto o reitor como a vicerreitora de Investigación avogan por establecer acordos sobre a elaboración dos indicadores, “definilos moi ben e tratar de aproximar ao máximo á idea de calidade ao dato e ao indicador que podes utilizar”, sinala Gago. O reitor aínda vai máis alá e apunta á CRUE como o organismo que debería elaborar un ranking de avaliación das universidades, “xa que caso de non ser así cada quen co rigor que Deus lle dea a entender vai seguir elaborando rankings que serán difundidos sen reparo e que seguirán prexudicando e confundindo”.

Que mide o ranking SCImago

O ranking desenvolvido sobre a base de datos Scopus de Elsevier que recompila máis de 16 millóns de publicacións e case 150 millóns de citas, constrúe cinco indicadores de produción científica que segundo o reitor da Universidade de Vigo “tratan de matizar que fas, canto fas, canto impacta na comunidade científica e canto representa en relación coa túa universidade e os teus ámbitos xeográficos”. Lonxe de fixarse en datos parciais que non revelan a situación real dunha universidade, o ranking SCImago analiza o rendemento investigador das institucións sobre indicadores globais de produción, colaboración e impacto científico que segundo Gago “ sitúanche a nivel bruto e relativo e confirman o que desde hai tres anos estaban reflectindo os rankings máis prestixiosos e respectados”.
Un total de 2000 institucións internacionais dedicadas á investigación son avaliadas baixo estes parámetros no SCImago Institutions Report: 2009 World Report, que sitúa nos primeiros postos ás academias nacionais de Ciencias de Francia, China ou Rusia, así como ao Centro Superior de Investigacións Científicas de España. A primeira universidade española aparece no posto 127 e é a de Barcelona, mentres que a de Vigo sitúase no 676 mundial e no 15º entre as institucións académicas españolas. Un feito que segundo Elsa Vázquez non se debe illar de que “somos unha Universidade relativamente nova, cun tamaño medio e estamos neste intre no terzo superior, co cal creo que estamos por riba do que ao mellor se esperaba de nós fóra da institución, pero non do que nós esperabamos dentro”.

A obriga de seguir apostando pola calidade e a necesidade de inversións

A confirmación do lugar que a Universidade de Vigo ocupa no escenario nacional en canto á súa produción científica, ademais de satisfacción, convela, segundo Elsa Vázquez “a obriga de seguir publicando con calidade” ao tempo que “dá ánimos e incentiva aos investigadores para seguir adiante”. Unha confirmación que sen embargo se produce nun momento de anuncio por parte das administracións de recortes nos orzamentos destinados a investigación e universidade. “A investigación precisa de cartos”, sinala Elsa Vázquez que cre que os grupos de investigación poderán manter a súa actividade aínda un ou dos anos máis botando man de rendas de proxectos acumulados, “pero despois se se recorta o número de proxectos, recortarase o de publicacións”. Pola súa banda o reitor reivindica “para ter as universidades que soñamos” a conexión entre financiamento e resultados.