DUVI

Diario da Universidade de Vigo

IX Curso de introdución ás nocións básicas sobre o funcionamento do mercado de valores

Razón e azar para aprender a investir en Bolsa

O alumnado contará cunha carteira ficticia de 60.000 euros para participar nun xogo de compravenda d

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 25/10/2011
Noemí Rey | Vigo
Desentrañar os segredos do mercado de valores e crear cultura financeira. Ese é o obxectivo co que parte o IX Curso de Introdución á Bolsa, unha “marca xa coñecida” que empezando de cero cunha linguaxe doada e conxugando teoría e práctica quere dar a todos os participantes os cimentos básicos para desenvolverse no mundo dos investimentos. “Con que alguén sexa capaz de entender a sección económica dos periódicos e falar de Bolsa doume por satisfeito. Son 32 horas nas que se lles dará a cana coa que pescar nun campo no que teñen que entender que o racional compleméntase co azar”, asegura José Luis Sáez Ocejo, un dos directores do curso xunto coa profesora Trinidad González-Portela.

Competindo coa ‘Teoría do Mono’

Aínda que a maior parte do profesorado estará formado por docentes do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, esta edición tamén contará coa presenza do broker Pablo Iglesias, que con 20 anos de experiencia no sector falará sobre o mercado de derivados e preparará aos participantes para que poidan tomar decisións nunha contorna complexa apoiándose na análise técnica.

Para que poidan pór en práctica o que vaian aprendendo, os matriculados competirán no Xogo de Bolsa, no que divididos por grupos e cunha carteira ficticia de 60.000 euros terán que enfrontarse ao resto de compañeiros por acadar máis cartos tras simular operacións de compravenda de accións, ampliacións de capital “e todo tipo de estratexias”. Aquí a sorte tamén xoga un papel importante, por iso o alumnado terá que competir tamén coa ‘Teoría do Mono’: a hipótese, que consiste en que un primate poida elixir ao azar unha carteira de valores e lograr unha rendibilidade superior a dos expertos, converteuse en realidade en máis dunha ocasión ao longo de edicións anteriores do curso. “O factor sorte tamén conta. Os profesionais tentan obter o maior beneficio porque gañan coas túas compravendas, pero non teñen unha bola de cristal”, recorda Sáez Ocejo.

Prazas dispoñibles

O curso celebrarase na Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo entre o 2 e o 10 de novembro en horario de tarde, de 16:30 a 21 horas. Dirixido a alumnado da Universidade, titulados e profesionais do sector, aínda hai prazas vacantes. Os interesados poden formalizar a matrícula ata o mesmo día de comezar o curso tanto de xeito presencial na propia escola como a través da plataforma virtual Bubela. O curso, de 35 horas de duración e estruturado en seis módulos, abordará aspectos como saber o que é a Bolsa, analizar o panorama financeiro español, o seu funcionamento e as principais estratexias de inversión tanto con valores de renda variable como no mercado de derivados.