DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Real Academia Galega asinan dous convenios de colaboración

De razón e de corazón co idioma galego

Ambas institución levarán a cabo toda unha serie de actuacións conxuntas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 08/06/2012
No momento en que se cumpren 50 anos da institución do Día das Letras Galegas, a Universidade de Vigo amosou á Real Academia Galega o seu compromiso “claro e inequívoco” co idioma galego, coa súa progresiva normalización nos ámbitos de docencia, xestión, investigación e transferencia de coñecemento. Fíxoo no marco da sinatura dun convenio marco de cooperación entre as dúas institucións e un convenio específico “onde se concretan unha serie da accións conxuntas, de beneficio mutuo, e esperamos que de futuro e interesante impacto social”, subliñou o reitor vigués, Salustiano Mato, que non dubidou en referirse a estes acordos como “alicerces dunhas moi proveitosas colaboracións futuras”. Ao seu carón o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, aproveitou a súa intervención para reivindicar o papel de Vigo e da súa Universidade, á que se referiu como “un espazo da ciencia e de coñecemento, do saber e, por tanto, da liberdade”.

Froito desta avinza entre ambas institucións a Real Academia Galega, a que o reitor vigués lle dedicou cualificativos como “saiba, independente e incustionable”, ofrece a súa biblioteca, hemeroteca e fototeca para todo tipo de traballos de investigación que desexen realizar os estudantes da Universidade de Vigo, así como as súas dependencias e instalación para todos aqueles alumnos e alumnas que queiran realizar alí prácticas de estudo, tendo especial preferencia o estudantado das facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais e Comunicación Social, así como das escolas de Enxeñaría Informática e Telecomunicación.

Pola súa banda, a Universidade prestará a colaboración técnica e científica necesaria para facilitar as prácticas de estudo e os traballos de investigación na Real Academia Galega. Ademais, o acordo inclúe unha cláusula especial, segundo a cal ambas institucións intercambiaran gratuitamente as publicacións en galego ou sobre tema galego que edite cada unha das institucións cando a outra llo demande.

Sentida homenaxe

Foi un acto tamén para o recordo. Unha pequena homenaxe a nomes como Manuel Murguía, Fontela Leal, Curros Enríquez... A creación do himno, da bandeira, dunha ortografía propia, a propia creacion da RAG, “un milagre de supervivencia”, subliñou Ferrín lembrando os duros intres polos que atravesou a academia “feble, infeliz e encolleita, pero sempre teimuda e esixente”, subliñou, ao tempo que reivindicou o papel cultural da cidade viguesa “para nada un hermo de mentes cultivadas como se nos quería facer crer”, apuntou.

“A Universidade de Vigo saberá facer o posible e o imposible para que o galego sexa tamén lingua de tecnoloxía e de arte, de pensamento e de transferencia, de razón e de corazón, de ciencia e de conciencia”, subliñou Salustiano Mato, que aproveitou o acto para felicitar ao profesor Anxo Angueira polo seu novo cargo como presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Cando a poesía se converte en música

O acto rematou coa actuación do grupo Xardín Desordenado formado por músicos de ampla experiencia que veñen de unir as súas traxectorias arredor dun proxecto que ten como principal obxectivo a difusión da poesía en lingua galega.

A cantante portuguesa Marlene Rodrigues, o guitarrista Isaac Garabatos, o baixista Blas Segura e o batería e percusionista David Outumuro, compuxeron o esquema musical que puxo son a homenaxe que a Universidade de Vigo rendeu á Real Academia Galega. Un poema do libro Territorio da Desaparición de Miguel Anxo Fernán Vello serviu de punto de partida dun pequeno concerto que incluíu a interpretación de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xoán Cabana, María do Carme Kruckenberg e Valentín Paz Andrade .