DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O club é a primeira entidade deportiva que se suma ao proxecto da Universidade de Vigo

O RC Celta de Vigo xa milita na Liga do Campus do Mar

O equipo saltará este sábado ao céspede de Balaídos cunha pancarta de apoio ao campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 06/10/2010

O Real Club Celta de Vigo converteuse este mércores na primeira entidade deportiva en sumarse ao Campus do Mar coa sinatura dun convenio de colaboración. Para formalizar este compromiso, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, reuniuse co vicepresidente do Real Club Celta, Pedro Posada, co fin de establecer as liñas de colaboración entre ambas entidades, entre as que se inclúen numerosas accións de difusión e promoción do Campus do Mar por parte do equipo vigués, así como outras cuestións académicas.

Segundo manifestou o reitor durante a xuntanza, “é un orgullo contar co apoio do Celta de Vigo, xa que non se trata soamente dun equipo senón que é un sentimento moi arraigado á cidade, a través do cal podemos roubar os corazóns da sociedade viguesa, animándoa para que coñeza e apoie este gran proxecto para Vigo que é o Campus do Mar”. Pola súa banda, o vicepresidente do club, Pedro Posada, amosouse moi satisfeito por formar parte do proxecto, afirmando que “o club está enteira disposición da Universidade e comprometémonos a seguir avanzando e colaborando conxuntamente para facer de Vigo unha cidade máis acolledora se cabe e sobre todo máis deportiva e universitaria”.

Mato e Posada, acompañados por Carmela Posada, directora da Fundación Celta de Vigo, Camilo Lobato, director de Comercial e Márketing do club, Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria e o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, confirmaron que as principais accións de apoio ao Campus do Mar terán lugar este sábado 9 de outubro, con motivo do encontro que disputará o Celta de Vigo fronte ao AD Alcorcón.

Apoio dentro e fóra do terreo de xogo

O campo de Balaídos será este sábado o escenario no que o equipo vigués materializará o seu respaldo ao Campus do Mar mediante a difusión e promoción do proxecto durante o partido que xogará fronte ao conxunto madrileño. Os xogadores do Celta saltarán ao campo cunha pancarta do proxecto co slogan Eu Campus do Mar, ademais no transcurso do encontro, emitiranse vídeos promocionais do proxecto nos marcadores de Balaídos.

Paralelamente, pero fóra do campo, estableceranse tres stands informativos do Campus do Mar nas inmediacións do estadio co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e captar apoios entre a sociedade viguesa. Nesta mesma liña, a Universidade aproveitará o tirón das redes sociais mediante a inserción dos logos e do selo de apoio ao Campus do Mar nos espazos de Facebook, Tuenti e Twitter que posúe o club co fin de facer máis visible o proxecto na rede.

Formación especializada para adestradores e fisioterapeutas

Ademais de formalizar o seu apoio ao proxecto do Campus do Mar, o reitor da Universidade e o vicepresidente do club tamén trataron varios asuntos académicos entre os que salientaron a realización de prácticas do alumnado da Facultade de Fisioterapia no Celta de Vigo, ademais de sentar as bases para a posta en marcha dunha escola de adestradores de alto nivel. “Para a Universidade é de vital importancia achegar as nosas capacidades académicas e investigadoras para redundar na mellora das accións do club e ser quen de dar resposta á demanda de formación especializada” sinalou o reitor. Así mesmo, Mato salientou o apoio ao fútbol base mediante a organización de competicións e de torneos de fútbol universitario.