DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reactívase o programa “En boa forma” a partir da vindeira semana

Os asistentes terán dúas revisións médicas gratuítas e poderán obter un crédito de libre elección

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
E.L. Castro DUVI 25/11/2009

Ninguén dubida dos beneficios para a saúde do deporte, pero non todos os exercicios actúan de igual xeito en cada persoa. As especificidades de cadaquén determinan que tipo de actividade física lle acae mellor. Isto é o que pretende a nova edición do programa En boa forma que a Área de Deporte e Saúde do campus de Pontevedra vén de reactivar, deseñar programas de adestramento personalizados en función dos obxectivos e do estado de forma actual dos seus usuarios e usuarias. Este programa está aberto a toda a comunidade universitaria e poñerase en marcha o vindeiro 1 de decembro.
En boa forma é un plan trimestral que ten como finalidade non só mellorar a condición física saudable e a calidade de vida dos asistentes, senón tamén axudar a controlar ou a reducir os factores de risco cardiovascular (hipercolesterolemia, hipertensión, obesidade, sedentarismo, etc.) e a mellorar as doenzas posturais e osteo-musculares. Así mesmo, abrangue a preparación de probas deportivas específicas (oposicións, colexios de árbitros, deporte de competición, etc).

Servizo de revisión médica gratuíto

O programa ofrece, ademais, un servizo de asesoramento médico e de seguimento individualizado integrado por profesionais especializados en medicina deportiva. Dentro do período de duración da actividade cada usuario poderá realizar dúas revisións gratuítas. Nunha primeira avaliarase o seu estado físico inicial con diferentes probas que inclúen o cuestionario PAR-Q, a análise da súa historia clínica, a exploración física e ortopédica, unha podoscopia, a medición de tensión arterial, un electrocardiograma, unha espirometría e o control antropométrico. Ao remate do programa realizarase unha consulta de seguimento para comprobar a súa efectividade, na que se medirán os parámetros asociados a unha condición física saudable: antropometría, forza e resistencia muscular, flexibilidade, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria.

Prezos, descontos e créditos de libre configuración

Este programa está dirixido a toda a comunidade universitaria e desenvolverase na sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario, con horarios flexibles e adaptables á dispoñibilidade de cada usuario. Co fin de dar a coñecer esta nova edición do programa, todos os interesados poden participar nel de forma totalmente gratuíta durante o mes de decembro. O 11 de xaneiro abrirase o período de inscrición e a taxa de matrícula terá un custe total de 60 euros polos tres meses de duración do plan.
Todas as persoas inscritas poderán beneficiarse tamén de descontos nas escolas deportivas universitarias, en tendas de material deportivo e nos centros de fisioterapia e ximnasio colaboradores. Así mesmo, recibirán como agasallo de benvida un pulsímetro. Outra das novidades desta nova convocatoria de En boa forma é a posibilidade de obter un crédito de libre elección, no caso de cumprir cos criterios establecidos de 30 horas de asistencia e aprendizaxe.