DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo de Pedro Sánchez Sellero recibe a máis destacada distinción nacional

A Real Academia de Doutores de España premia unha tese viguesa como a mellor no eido xurídico e económico

Analiza os efectos da inversión estranxeira directa sobre a produtividade no sector manufactureiro e

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/10/2012
É o maior recoñecemento que se lle pode conceder a unha tese de doutoramento na área das Ciencias Xurídicas e Económicas en España, polo que o profesor Pedro Sánchez Sellero non esconde a súa satisfacción por este premio outorgado pola Real Academia de Doutores de España. Segundo o xurado, o seu traballo sobre os efectos da inversión estranxeira directa sobre a produtividade no sector manufactureiro español foi merecedor deste galardón “baseándose na excelencia da tese presentada, plasmada na ampla e significativa revisión da literatura, a validez dos datos empregados, o rigor da metodoloxía estatística utilizada, as achegas ao estado do asunto tratado e as contribucións útiles para a aplicación na dirección e organización da empresa”. Para o investigador este premio “é un mérito relevante para o desenvolvemento da carreira docente e investigadora na universidade” e apunta que seguirá traballando neste eido en futuras liñas de investigación que se abren a partir da tese. Sánchez Sellero destaca tamén o destacado papel dos seus dous directores de tese, José Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade e o profesor Jorge Rosell Martínez, e agradece a súa “xenerosa dedicación, plasmada nos múltiples e valiosos comentarios de grande importancia no desenvolvemento da tese”.

O premio foille entregado no transcurso do acto de apertura do curso celebrado pola Real Academia de Doutores de España e a súa concesión servirá para que Sánchez Sellero poida continuar con esta liña de investigación, da cal xurdiron xa varios artigos publicados en revistas indexadas en Journal Citation Reports, Scopus e Econlit, entre outros, así como contribucións a congresos internacionais e nacionais, estancias de investigación e ponencias e relatorios.

Análise do impacto da inversión estranxeira directa

A tese de Pedro Sánchez Sellero, actualmente profesor da Universidade de Zaragoza, conclúe que as empresas que apostan pola I+D son as que máis produtividade obteñen da inversión estranxeira directa. A análise do impacto da inversión estranxeira directa sobre o progreso técnico dunha economía desenvolvida como a española desvela que as empresas que se implican máis no proceso de I+D son as que, á chegada de inversión estranxeira directa, máis melloran a produtividade.

Para a realización deste traballo o investigador analizou nun primeiro momento 100 sectores manufactureiros e posteriormente 327 empresas manufactureiras, en ambos casos dende 1994 ata 2006. Segundo explica o investigador, no seu traballo trata de afondar na transmisión das vantaxes das empresas foráneas ás empresas locais e os resultados reflicten que a maior parte da inversión estranxeira directa (FDI) diríxese a sectores produtivos capital intensivos, especialmente cando eses sectores apostan tamén pola I+D. “As estimacións mostran que os efectos positivos de FDI sobre a produtividade manufactureira son só atribuíbles a industrias intensivas en I+D e en capital, o que parece estar relacionado coa existencia de capacidades dinámicas ou cunha complementariedade nas inversións cos gastos de I+D”, explica o investigador. Isto demostra que a empresas implicadas coa I+D son máis dinámicas e sacan máis proveito da inversión estranxeira, investimento este que empregan para seguir potenciando a innovación na empresa, redundando así na mellora da produtividade.

Outra das conclusións obtidas na súa investigación sinala que existen desbordamentos positivos das empresas con capital estranxeiro cara ás locais. Os desbordamentos son efectos que a inversión estranxeira directa ten sobre a absorción ou apropiación tecnolóxica. Isto tradúcese no feito de que o capital foráneo favorece o progreso técnico, é dicir, que “as empresas españolas que realizan actividades de I+D ou que teñen un proceso produtivo complexo e innovador vense beneficiadas da chegada de inversión estranxeira directa, grazas a que estas capacidades lles permiten absorber mellor os desbordamentos sobre o progreso técnico”. Respecto á orixe dos recursos, a tese conclúe tamén que “as entidades que captan recursos financeiros privados teñen unha mellor capacidade de absorción de estes desbordamentos da inversión estranxeira directa que as que proveñen de orixe pública.