DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiu unha medalla Juan López de Peñalver que pon en valor as achegas en I+D de menores de 40 anos

A Real Academia de Ingeniería recoñece a traxectoria da investigadora Belén Riveiro nos Premios Jóvenes Investigadores

É membro do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas e docente da EE Industrial

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/11/2017

Menores de 40 anos, que teñan realizado labores notorias no eido da innovación e achegas profesionais destacadas nos ámbitos profesionais da enxeñaría española. Este é o perfil que busca a Real Academia de Ingeniería española para outorgar os Premios Jóvenes Investigadores, distincións que este ano teñen selo vigués. A investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas e docente da EE Industrial Belén Riveiro é unha das premiadas e recibiu este martes en Madrid unha medalla Juan López de Peñalver. Segundo se recolle no fallo do xurado, a docente da Universidade de Vigo é merecedora desta distinción “polas súas contribucións á aplicación de técnicas xeománticas á monitorización dimensional estrutural de estruturas de enxeñaría civil e construción, así como aplicacións de modelado 3D en cidades intelixentes”. Ademais da actividade investigadora “despregada a nivel internacional”, engaden os membros do xurado, “valorouse especificamente o elevado número de patentes en explotación no seu haber”. Riveiro amósase satisfeita por esta distinción, “tanto polo significado que ten o premio, como por ser un recoñecemento ao traballo que tanto eu como os meus compañeiros do grupo de investigación vimos facendo nos últimos anos”, polo que está “particularmente agradecida” á Real Academia de Enxeñería por este galardón que valora “a traxectoria profesional no seu conxunto”.

Riveiro chegou á Universidade de Vigo en 2006 para realizar a súa tese de doutoramento na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía. Tras exercer como docente na Escola de Enxeñería Civil da Newcastle University, onde comezou a traballar na aplicación das técnicas xeomáticas ao ámbito estrutural, en 2012 incorporouse de novo á Universidade de Vigo, como docente no Departamento de Enxeñería de Materiais Mecánica Aplicada e Construción. A investigadora continuou traballando nesta liña de investigación e impartindo docencia en materias da área de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas na Escola de Enxería Industrial e nos mestrados de Xeoiformática e de Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural. “Durante estes anos fun compatibilizando a docencia a tempo completo coa miña formación postdoutoral”, explica, e realizando varias estadías de investigación en centros de recoñecido prestixio internacional como a Universidade Cambridge e a Universidade Tecnolóxica de Delft. Como investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, Belén Riveiro céntrase na aplicación de técnicas xeomáticas á inspección e monitorización de saúde estrutural en enxeñaría civil e construción. “Traballamos na utilización de datos xeomáticos, como fotogrametría e escanado láser, de cara ao seu emprego, tanto no inventario e inspección automatizada de grandes infraestruturas, como para a avaliación estrutural de pontes ou outras estruturas singulares”, explica. Neste ámbito, a docente foi investigadora principal en tres proxectos de ámbito nacional, publicando máis de 70 artigos en revistas JCR e máis de 50 contribucións a congresos internacionais e dirixindo cinco teses de doutoramento entre outros méritos.

Anos de investigación que se traducen en sete patentes das que é co-autora

O fallo do xurado dos Premios Jóvenes Investigadores fai fincapé no “elevado número de patentes en explotación no seu haber”. En total, Riveiro é co-autora de sete patentes (catro delas en explotación) e dous rexistros de software (un deles en explotación). Estas patentes e rexistros son, segundo a investigadora, “o resultado dos proxectos de investigación enfocados ao inventario e inspección de infraestruturas”. Unha das patentes consiste “nun dispositivo auxiliar a un sistema fotogramétrico que permite extraer xeometría e inventariar patoloxías estruturais en pontes a partir dunha única imaxe”, mentres que outro dos rexistros en explotación baséase “nunha aplicación software para o inventario automático de marcas viarias en estradas a partir de nubes de puntos 3D”, relata a enxeñeira. Ademais dos mencionados, este grupo tamén ten rexistrada, como engade Riveiro, unha aplicación software para a identificación de parámetros e actualización de modelos de simulación mecánica estrutural.

Actualmente a docente da EE Industrial é representante da Universidade de Vigo no Open Geospatial Consortium e secretaria do WGII/10 da International Society of Photogrammetry and Remote Sensing (ISPRS).