DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da Universidade de Vigo, galardoado co Premio de Química Física

A Real Sociedade Española de Química recoñece a contribución de Luis Liz-Marzán á comprensión dos mecanismos de formación de nanopartículas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/07/2009

De “grandísima satisfacción persoal” cualifica o profesor e investigador Luis Liz-Marzán o recoñecemento que “do labor de todos os membros do grupo de Química Coloidal que dirixo” realizou a Real Sociedade Española de Química outorgándolle o Premio de Química Física. O galardón que recoñece as contribucións científicas e/ou técnicas realizadas polo premiado nos últimos cinco anos, transcende neste caso o individual xa Liz-Marzán insiste en que “o labor non é só meu, senón de todo o grupo formado por máis de 30 investigadores”.
O grupo de Química Coloidal realizou nos últimos anos importantes contribucións á comprensión dos mecanismos de formación de nanopartículas, así como as súas propiedades físicoquímicas, un traballo que segundo Liz-Marzán “acadou grande impacto internacional e conseguiu resultados que foron de moito interese para outros investigadores que traballan no mesmo campo”.
Nomeado por segundo ano consecutivo, foi finalmente este 2009 cando Luís Liz-Marzán acadou o recoñecemento dos compañeiros de profesión, xa que son socios da Real Sociedade Española de Química os responsables dos nomeamentos das distintas categorías dos premios que tamén recoñecen a traxectoria científica dun dos seus socios, as contribucións en especialidades como a Enxeñaría Química, a Química Orgánica, Inorgánica e Analítica, así como os méritos investigadores noveles e o traballo dun químico francés e outro alemán.

Un grupo en constante crecemento

Cunha actividade moi ampla, o grupo de Química Coloidal que dirixe Liz-Marzán experimentou un importante crecemento nos últimos cinco anos. 30 investigadores integran na actualidade o grupo que ten activos catro proxectos do plan nacional, tres autonómicos e tres da Unión Europea, ademais dun proxecto industrial. O traballo do grupo aínda que abrangue distintas actividades céntrase na síntese, caracterización, organización e aplicacións de nanopartículas “que presentan propiedades ópticas que se poden manipular e aproveitar para aplicacións en campos diversos da nanomedicina ou nanoelectrónica”, explica Liz-Marzán.
Máis de 170 artigos e varios capítulos en libros e enciclopedias, tres patentes e o seu nomeamento como Fellow of the Royal Society of Chemistry, poñen de manifesto o impacto e recoñecemento acadados por Luís Liz-Marzán e o seu grupo tanto internacionalmente como en España, onde o catedrático da Universidade de Vigo considera que “a investigación en Química está a moi bo nivel ata o punto que contamos cun bo número de grupos de investigación con gran recoñecemento internacional a pesar da escasa tradición científica do noso país”.

O recoñecemento do labor científico

A necesidade dun maior investimento e dunha “maior conciencia da sociedade e dos gobernos sobre a necesidade da ciencia básica”, son para Luis Liz-Marzán condicións imprescindibles para o progreso do coñecemento e como consecuencia “unha mellora do nivel de vida da sociedade”.
Coñecemento, pero tamén recoñecemento, neste caso do labor que os científicos realizan, é segundo o catedrático vigués “un elemento interesante á hora de incentivar á investigación de calidade”. E é que en España segundo afirma Liz-Marzán “existe unha opinión bastante xeneralizada de que a realización dunha actividade investigadora intensa non ten un recoñecemento suficiente”, razón pola que avogaría por aumentar este tipo de incentivos.