DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico

A realidade dos sinistros de tráfico chega ao campus a través da testemuña dos afectados

Cinco vítimas contaron a súa experiencia no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 14/11/2008
Os sinistros de tráfico son a causa principal de mortes de xeito violento e por feridas graves no mundo. Máis dun millón de persoas morren ao ano na estrada ou quedan feridas para sempre, deixando atrás a familiares e amigos que sofren os danos colaterais dos sinistros. Por cuarto ano consecutivo a Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico (PAT) pretende recoller no Día Mundial das Vítimas e Afectados por Sinistros de Tráfico a testemuña de afectados co obxectivo de sensibilizar a toda a sociedade, e desta volta á comunidade universitaria, da verdadeira importancia dos sinistros nas estradas.
O acto que hoxe se celebrou no Salón Multiusos do Edificiode Ferro, comezou coa lectura da acta das Nacións Unidas que invita aos países membros a aplicar as recomendacións do Informe mundial sobre a prevención dos traumatismos causados polo tránsito. Representantes de distintas administracións tamén se achegaron ao campus para render homenaxe á memoria das vítimas e afectados; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno, Alexandre Sánchez, tenente-alcalde do Concello de Ourense e Xosé Fernando Varela, concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá. Entre o público tamén se atopaban escolares dos colexios Carmelitas e Salesianos aos que Xavier Paz, membro de PAT, lles adicou a súa intervención “xa que os menores de 18 anos son o principal grupo de risco”. A pesar dos numerosos asistentes, os asentos da primeira fila estaban baleiros ao igual que os anos anteriores en recordo de todos aqueles falecidos nos sinistros. Aínda que “non están baleiros e este ano menos que nunca, nun dos asentos vixíanos cómplice Recaredo Paz”, afirmou Angélica Ferro, presidenta da asociación, emocionada neste recordo ao presidente e fundador de Aixiña.

Un relato en primeira persoa

Catro afectados por accidentes de tráfico foron os encargados de contar a súa experiencia e como, día a día, se pode superar. Os sinistros por mor do tránsito supoñen “un xiro de 180º graos na vida de calquera persoa, tanto a nivel psicolóxico, emocional, físico, emocional, económico e social”, dixo Ferro. Uns cambios para os que ningunha persoa está preparada, por iso “ninguén mellor que quen viviu eses cambios para contarnos a súa testemuña e da que moito podemos aprender”, engadiu Ferro.
Félix González, vítima dun sinistro que o deixou nunha cadeira de rodas; Concepción Domínguez nai dunha rapaza afectada; José Luis Gómez, moteiro que sufriu unha amputación por culpa do gardaraíl e Nuria Vázquez tamén cunha perna seccionada, trasladaron aos presentes a súa vivencia e tamén tiveron tempo para ofrecer ideas que poidan axudar a rematar con esta lacra. Para eles “a iniciativa e a vontade de colaborar para evitar os sinistros xa é un paso moi grande”, comentou González.
Finalizada a súa intervención, Xavier Paz adicou unhas palabras aos representantes do Concello, nas que suxeriu medidas para mellorar a calidade de vida das persoas e diminuír os sinistros de tráfico nas cidades.
O acto rematou coa entrega dos agasallos conmemorativos deste día, seguida dunha ofrenda floral ás vítimas acompañada polo son da gaita.

O traballo de PAT

A Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico (PAT) nace coa finalidade de promover iniciativas que vaian en beneficio da seguridade viaria, sensibilizando aos cidadáns e entidades públicas e privadas, cara a prevención de accidentes. Á hora de realizar a súa actividade diaria, a asociación incide especialmente en cinco aspectos: a concienciación, a divulgación, a formación, a información e a acción puntual ás vítimas.Os obxectivos que pretenden conseguir coa súa labor son, entre outros, lograr que o respecto á vida e á integridade física dos cidadáns supere as presas e a agresividade ao conducir, axudar ás vítimas, familiares e amigos dos accidentados, colaborar coas Administracións e esixir un aumento dos investimentos públicos e privados na seguridade viaria. Esta asociación, sen ánimo de lucro, é membro da FEVR (Federación Europea de Vítimas de Tráfico), está declarada de utilidade pública e recibiu a Medalla ao Mérito na Seguridade Viaria.