DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes, empresas e institucións foron galardoados na XVIII Gala do Deporte

Rebeca Mariño e Gustavo Nieves gañan o I Premio á Excelencia Deportiva da Universidade

Música, zancudos e agasallos deron forma a gran festa do deporte universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 21/05/2009

A taekwondista Mª Rebeca Mariño e o atleta Gustavo Nieves convertéronse esta tarde nos primeiros estudantes en recibir o Premio á excelencia deportiva da Universidade de Vigo en recoñecemento á súa brillante traxectoria académica e deportiva. Recolleron o galardón na XVIII Gala do Deporte, unha festa que contou coa asistencia do reitor Alberto Gago, e coa que a Universidade premiou “o esforzo dos estudantes que practican deporte, en moitos casos de elite,e ademais progresan nos seus estudos”, tal como salientou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza.
Xunto a Mariño e Nieves, que foron premiados con cadanseu ordenador portátil, destacouse tamén a excelente carreira deportiva dos outros catro candidatos: as taekwondistas, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos, o tamén taekwondista Fernando Rascado e o xogador de volei praia Diego Mahia.

Dous excelentes exemplos de éxito e superación

Vinculada ao mundo do deporte desde a súa infancia, Mariño (Boiro, 1983) acumula xa un dilatado palmarés no que podemos incluír a conquista do título nacional do peso galo hai apenas uns meses, un ouro e unha prata en consecutivos Campionatos de España Universitarios ou outras preseas internacionais coma un bronce en México ou unha prata no Open de Bélxica. Esta é a súa tarxeta de presentación deportiva, pero a ela hai que engadir outra non menos importante, a académica: estudou Educación Primaria na especialidade de Educación Física, formación que agora está a completar co doutoramento en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e un máster en Xestión e Administración Deportiva do Comité Olímpico Español. A clave do éxito, segundo ela, “non ten segredos, simplemente se trata de unir perseveranza, concentración e esforzo diario”, se ben engade, “ten que che gustar moito, para min o taekwondo é un hábito de vida, case coma unha adicción”, confesa.
Xunto a Mariño recolleu o premio Gustavo Nieves (Vilalba, 1984), todo un exemplo de superación persoal no que, de novo, se combina o éxito deportivo e académico. Está a piques de rematar Enxeñaría de Minas e hai uns meses acadou o récord paralímpico mundial dos 10.000 metros en categoría T-12 para deficientes visuais. Considera esta como a súa mellor tempada, pero ás súas costas ten xa dous xogos olímpicos (Sidney e Pekin) e acaba de gañar o Campionato de España de 5000 e mesmo se colgou o bronce coa selección galega absoluta de cros, algo que valora especialmente debido a que se trata dunha proba especialmente difícil para el debido á súa deficiencia visual. Agora pensa xa no seu próximo reto, “o campionato europeo, que se xogará no mes de xuño”.
Ambos destacaron a ilusión que supón para eles o premio, “significa moito porque é unha recompensa máis a toda unha vida dedicada ao deporte”, salientou Mariño, ao que Nieves quixo engadir que, “para un deportista acadar o éxito supón un gran esforzo e é bonito ver que este é aprezado”.
Rebeca Mariño subliña cun exemplo o esforzo do que falan: o vindeiro mes de xuño disputará a Copa do Mundo, en xullo a Universiada e en outubro o mundial, cada competición nun país diferente. Entre tanto, en setembro, ten que presentar o proxecto final que lle permitirá acadar o Diploma de Estudos Avanzados. “O dito, que non damos a basto”, sorrí.

Longa lista de premios e mencións

Xunto a estes premiados recoñeceuse o labor de moitos outros estudantes que a diario fan malabarismos para combinar adestramentos, competicións e concentracións con clases teóricas, prácticas e exames.
Os dezaoito medallistas dos Campionatos de España Universitarios 2009; os xogadores de xadrez Daniel Vila (campión galego sub 16), Rafael Rodríguez (campión galego absoluto) e Manuel Pena (subcampión de España absoluto); o xogador de rugby Iñaki Román, en recoñecemento á súa traxectoria deportiva; o equipo feminino de Tenis do campus de Vigo (campionas galegas); o equipo A xadrez campus de Vigo (campión/subcampión galego); os primeiros clasificados no campionato interno de tenis e os gañadores da III Copa Intercampus, completaron o listado de estudantes/equipos galardoados.
Xunto a eles recibiu tamén unha mención especial un estudante xa egresado Xavier Pascual, Pasqui, actual adestrador do FC Barcelona Balonman; o profesor, Eduardo Domínguez, preparador físico do RC Deportivo de La Coruña ,e dúas institucións que sempre teñen a porta aberta á colaboración coa Universidade, Anfaco, colaboradora na carreira 10 Km Cidade Universitaria, e o Círculo Mercantil, habitual colaborador na cesión das súas instalacións.

Música e humor completaron “un día de festa”

Cos televisivos e titulados pola Universidade, Alba Lago e David Amor, como presentadores da gala, e a actriz María Castro, tamén titulada pola Universidade, como madriña dos premiados, a XVIII Gala do Deporte converteuse na “gran festa do deporte universitario”, tal como salientou a vicerreitora Mª del Carmen Cabeza.
A actuación do grupo MoonCresta, a intervención dun trío de zancudos, a proxección dun vídeo sobre a actividade deportiva na Universidade e o sorteo de múltiples agasallos completaron unha tarde noite no teatro Vidal Bolaño que tivo ao deporte como gran protagonista.
Para rematar, como non, houbo un aperitivo para todos. Era o día da celebración, mañá virá de novo a concentración e preparación para a consecución de novas medallas, deportivas, académicas, pero, sobre todo, vitais.