DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora da EE Forestal Eugenia López de Silanes coordina unha publicación sobre o monumento

Receita multidisciplinar para garantir a supervivencia das ruínas de Santo Domingo

Oito investigadoras identifican neste libro as principais patoloxías do edificio e o tipo de flora q

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 30/09/2014

Biólogas, químicas, físicas e restauradoras traballando man con man pola preservación dun “símbolo da cidade” de Pontevedra como son as ruínas do antigo convento de Santo Domingo. Baixo a coordinación da profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Eugenia López de Silanes, un equipo multidisciplinar integrado por oito expertas nestas áreas estudou que tipo de medidas deberían de adoptarse para garantir a supervivencia do monumentoe formulou unha serie de propostas, que veñen de ser recollidas no libro As ruínas de Santo Domingo de Pontevedra, unha publicación que, como explica López de Silanes, trata de achegar “unha visión global sobre as principais patoloxías do monumento e identificar a flora que o coloniza”.

Pubicado en formato dixital, este libro recompila as principais conclusións do Estudo dos factores de deterioro no conxunto das ruínas de Santo Domingo. Proposta de medidas de limpeza, restauración e conservación, que este grupo interdisciplinar levou a cabo no ano 2008 no marco da Cátedra Filgueira Valverde, cofinanciada pola Universidade de Vigo. Cinco anos despois, os resultados deste traballo recompílanse nun libro que busca “servir como punto de partida para unha intervención de restauración e conservación que favoreza a supervivencia desta obra singular”, como salienta a docente da EE Forestal. Un libro que, ademais, viu a luz poucas semanas antes de que a Deputación Provincial anunciase a inmediata licitación dos traballos de restauración destas ruínas, que permanecen pechadas ao público desde agosto de 2013, trala caída de parte dun capitel. De aí que as súas coordinadoras, López de Silanes e Cristina Montojo, profesora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, subliñen que se trata dun “momento crucial” para o futuro de Santo Domingo.

Integradas no Museo de Pontevedra, estas ruínas dun convento levantado nos séculos XIV e XV, que estiveron preto de ser demolidas no XIX, foron obxecto de “operacións de mantemento de forma continuada”, como explica Montojo. Non obstante, para as autoras deste informe o monumento precisa dun “ambicioso proxecto de restauración”, que permita “erradicar os principais problemas” das ruínas, causantes dun “lento deterioro”. Neste senso, López de Silanes explica que o obxectivo do libro é precisamente “sentar as bases do que se debería facer, unhas pautas que poderían servir como punto de partida” para un “plan de conservación de conservación ambicioso”. Por iso xa “puxeron a disposición dos técnicos e responsables” da Deputación, unha publicación que reúne “datos historiográficos e científicos actualizados para unha futura intervención global no conxunto”.

Múltiples causas do deterioro

O propio emprazamento do monumento, “sobre un chan de terra, que favorece a ascensión de auga polos muros”, é resaltado por este grupo de investigadoras como a primeira causa dun deterioro no que tamén inflúe “un clima con elevados niveis de humidade, ao que hai que sumar o feito de que ata hai uns anos o tráfico rodado pasaba literalmente pegado á obra”, salienta Montojo. A estas circunstancias engádense outra serie de factores, como a presenza de sales na pedra ou a perda de morteiros, ás que se suma ademais a existencia de zonas húmidas e escuras, nas que proliferan as especies vexetais, como explica López de Silanes. De aí que as coordinadoras desta publicación incidan no valor que tivo o traballo conxunto de “equipos de ámbitos tan dispares”, á hora de coñecer “o estado real do conxunto”.

O froito de máis de 15 anos de colaboración

Xunto á profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo Teresa Rivas, ás docentes da Universidade de Santiago Beatriz Prieto e Benita Silva, á profesora da Universidade da Coruña Ana Jesús López e ás investigadoras Josefina Álvarez e María José Sánchez-Biézma, Montojo e López de Silanes xa abordaran no ano 2004 a colonización vexetal e o estado de alteración dos elementos pétreos das ruínas, noutro proxecto da Cátedra Filgueira Valverde. De feito, a súa colaboración no ámbito da conservación de monumentos remóntase a finais ao ano 1998, cando o profesorado da Escola de Restauración requiriu dos coñecementos de López de Silanes para coñecer con exactitude que tipo de liques podían atopar nunha serie de escudos do casco histórico da cidade. “O que para eles eran manchas, para min eran xéneros específicos de liques”, relata da profesora da EE Forestal, que recoñece con humor que, nun principio, “ás veces lles preguntaba para que querían saber o que eran, se as ían quitar todas”.

Non obstante, aínda que os liques "producen un dano químico e mecánico á pedra”, tamén causan un deterioro “os biocidas que se empregan para limpar”, como apunta López de Silanes. De aí que Montojo incida no cambio que supón pasar de traballar na restauración de monumentos “sen saber en profundidade que é o que se está a limpar” a dotarse dunha “información importante, que pode orientarte á hora de empregar uns métodos ou outros, xa que uns liques agarran mellor, outros peor, hainos tamén que enraízan na pedra...”. Neste senso, López de Silanes recoñece que a “colonización biolóxica é importante nas ruínas”, o que fai "moi valioso", como engade Montojo, poder “identificar cada especie” antes de comezar cos traballos de limpeza.