DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Míriam López recibe esta noite o Premio Provincial á Investigación:

“Este recoñecemento anima moitísimo, sobre todo nun traballo no que son moi habituais as temporadas sen resultados”

A súa tesiña busca un novo material con aplicacións biomédicas a partir de recursos vexetais mariños

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/11/2009
A Universidade de Vigo estase a consolidar nos últimos anos como unha institución punteira no estudo de novos materiais, o que se ve recompensando en publicacións, patentes ou premios. A Míriam López, estudante de doutoramento no Departamento de Física Aplicada, o recoñecemento ao seu traballo chegoulle en forma de Premio Provincial á Investigación outorgado pola Deputación de Pontevedra. O galardón pon en valor o traballo realizado na súa tesiña sobre a Obtención de Cerámicas Biomórficas de SiC a partir de recursos vexetais mariños.
Esta noite a investigadora recollerá o premio co que se busca recompensar e estimular ás persoas que, con traballos de investigación no ámbito das Ciencias e a Tecnoloxía, das Humanidades e as Ciencias Sociais, proporcionan un beneficio ó benestar social.

Como xurdiu a idea de presentarte a este concurso?
A verdade é que me animaron dende o Departamento de Física Aplica a presentarme e o fallo fíxose público no mes abril. Ese día subín ao campus máis contenta ca nunca!

Como valoras a recepción deste premio? É unha empurrón para seguir traballando na tese, co recoñecemento do traballo feito ata agora?
A verdade é que anima moitísimo, sobre todo nun traballo no que son moi habituais as temporadas sen resultados.

Na investigación traballas na busca de novos materiais a partir de recursos mariños. Que resultados obtiveches ata agora?
A tesiña pretende a obtención dun tipo de cerámicas (carburo de silicio) a partir de recursos vexetais mariños, é dicir, a partir de distintas especies de plantas e algas mariñas recollidas en distintos puntos da ría de Vigo. O obxectivo é obter un material cerámico que preserva a microestrutura porosa con canais interconectados propia do sistema vascular destes vexetais, de aí o nome de cerámicas biomórficas.

E agora toca seguir traballando na tese...
A tese supón una ampliación da tesiña, optimizando o método de fabricación das cerámicas e centrándose no campo de aplicación destas, que é a rama biomédica. Esta aplicación xorde da semellanza en microestrutura entre estas cerámicas biomórficas e o tecido óseo. Máis en detalle, como implante, a porosidade deste material favorecería a integración co tecido óseo porque permite que as células migren ao interior. Outra posibilidade sería usalo como andamiaxe, é dicir, como un soporte poroso e moldeable dentro do cal as células medren e se diferencien elaborando fóra do organismo un tecido consistente que poida ser implantado máis adiante.

E este traballo falo a cabalo entre a Facultade de Bioloxía e a ETSE Industriais?
Si, repártome entre o departamento de Física Aplicada na ETSE Industriais, no que estou contratada e o de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía en Bioloxía. Na ETSEI encárgome de todo o referente ó material, e en Bioloxía dos ensaios con células.

O campo dos novos materiais, no que traballas, é dos que teñen máis pulo dentro da Universidade de Vigo. Como o percibes dende dentro?
É una aposta importante e interesante para esta Universidade, xa que a industria demanda unha mellora constante nas tecnoloxías con procesos simples e competitivos en custo combinado cada vez en maior medida co compromiso de promover o desenvolvemento sostible. Coa busca de novos materiais dentro da natureza, intentamos comprender o funcionamento desta para crear solucións de maior eficiencia para a súa posterior aplicación nos distintos campos.