DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato de CXG á Xunta traslada ao reitor as súas propostas en materia universitaria

Recoñecer a formación como parte do PIB

Xoan Bascuas coñeceu de primeira man a situación da Universidade de Vigo e do SUG

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/10/2012

Cando restan tres días para a celebración das eleccións á Xunta de Galicia o candidato á presidencia do Goberno galego por CXG (Compromiso por Galicia), Xoan Bascuas, mantivo un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no que tivo ocasión de coñecer de primeira man a realidade da institución académica viguesa, así como do SUG (Sistema Universitario de Galicia) e outras cuestións relativas ao financiamento e ao emprego no ámbito académico.

Mato e Bascuas agradecéronse mutuamente a disposición a manter este encontro no que as políticas de I+D tamén ocuparon un lugar destacado. Nese sentido o candidato de CXG lembrou que entre as proposta da formación que lidera está a creación dunha rede galega de desenvolvemento e investigación, unha acción que Compromiso por Galicia insire nun abano máis amplo de medidas específicas destinadas aos ámbitos universitario e investigador. “Cómpre recoñecer a formación como parte do PIB”, asegura Xoan Bascuas que tamén aposta por un financiamento plurianual das universidades galegas que afirma “deben cooperar entre elas para competir conxuntamente”.

A defensa da educación, no centro do discurso de CXG

O candidato á presidencia da Xunta que amosou a súa preocupación polos efectos que o proceso de “recentralización do Estado” que está desenvolvendo o PP, está a ocasionar nas universidades, incidiu na importancia de manter a política de bolsas cun financiamento axeitado. Xunto á demanda de maiores cotas de autogoberno e de rexeneración democrática, a “defensa radical dos sectores públicos da sanidade e da educación”, centran o discurso da formación que concorre por primeira vez aos comicios autonómicos.