DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Katia Calvar, Borja Ríos, Laura Lorenzo e o adestrador Salvador Fontán conforman a representación vi

Récord de participación da Universidade de Vigo no Campionato do Mundo de Taekwondo

Celebrarase en Corea do 25 ao 30 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 10/05/2012
“Nunca dou nada nin por gañado nin por perdido, pero teño grandes esperanzas nestes deportistas xa que están máis que capacitados para facerse coas medallas deste torneo e cumprir así os obxectivos iniciais”. Estas son as palabras que Salvador Fontán, adestrador do equipo de taekwondo da Universidade de Vigo, dedica a Katia Calvar, Borja Ríos e Laura Lorenzo, os tres taekwondistas que xunto ao propio Fontán foron seleccionados para acudir ao Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo que se celebrará na cidade coreana de Pocheon do 25 ao 30 de maio.

Con cadansúa medalla de ouro no campionato de España, celebrado en Madrid a finais de abril, a selección destes tres deportistas do equipo universitario vigués para participar no Campionato do Mundo é valorada máis ca positivamente dende o Servizo de Deportes da Universidade, que cualifica a boa nova como “un éxito sen precedentes na nosa institución e tamén a nivel estatal”. Disciplina e sacrificio conforman a carta de presentación destes tres estudantes que rozan o ceo grazas ao seu esforzo persoal tanto no deporte coma nos estudos. Para Fontán, esta representación no Mundial non é algo inesperado xa que “tiñamos esperanzas reais de chegar a este nivel de competición porque a calidade de Katia, Borja e Laura danos moita tranquilidade, aínda que non hai que esquecer que existen factores incontrolables que poden botar abaixo as nosas expectativas, coma pode ser o arbitraxe ou o rival que saia tras o sorteo”, puntualiza.

Altas expectativas no mundial

Para Katia Calvar, loitadora da categoría 57 pluma, participar nun campionato deste calibre non é unha novidade xa que foi unha das competidoras no Mundial Junior no ano 2010. Estudantes de Enfermaría, a deportista enfronta este novo reto “con moitas ganas xa que a pesar de que teremos rivais moi duros non dubido da posibilidade de que volvamos de Corea con algunha das medallas que hai en xogo”, indica.

Pola súa banda, Borja Ríos e Laura Lorenzo, loitadores da categoría 63 galo e 46 minimosca, respectivamente, estréanse coma competidores dun torneo a nivel mundial, pero como eles mesmos indican “imos a poñer toda a carne no asador xa que é o momento de dalo todo e amosar o noso talento, por iso non podemos fallar neses seis minutos que temos para loitar”. Para os tres deportistas é unha superación persoal participar nun torneo destas características “xa que chegaron ata aquí loitando duramente, sen que ninguén lle regalase nada, polo que poden chegar ao máis alto e acadar un éxito sen precedentes ”, clara o adestrador.

Duro adestramento antes de partir cara Corea

Co Campionato Mundial a volta da esquina, os tres taekwondistas enfróntase a duros adestramentos antes de partir cara Corea co fin de levar as súas estratexias e tácticas ben preparadas e contar así cunha relativa calma sobre a pista. Como conclúe Laura Lorenzo, “pasaremos días dedicándolle moito tempo ao deporte para ir ben preparados e dalo todo, xa que esta é a única fórmula existente para poder dar o mellor de nós e traer o maior número de medallas de Corea”.

A viaxe a Pocheon será un bo momento para lembrar o mundial universitario que se viviu en Vigo no 2010. Naquel intre as expectativas estaban postas en Fernando Rascado e Rebeca Mariño, que acudiron ao evento animados por competir na casa e ante o seu público. Un bronce para Fernando Rascado puxo naquel intre o broche final.